lunes, 29 de marzo de 2010

CAIXAS OU PANDEIROS?




A caixa é un instrumento de percusión. Os que tocan a caixa (ou tambor) reciben o nome de tamborileiros. Unha caixa non é un piano, que se pode tocar a catro mans. A caixa tócase con dous pali-troques que marcan o ritmo da canción.
A caixa tampouco é un pandeiro. O pandeiro tócase coa xema dos dedos ou cos cotelos.

Nos últimos meses véñense oíndo sons descompasados de caixas que chegan máis alá dos lindes do noso país.
Con tanto ruído de caixas acabarán facendo de todos nós un pandeiro.

Tamén hai Caixas de Aforros, que son galegas porque teñen a súa sede en Galicia, acollen os aforros de moitos galegos e desenvolven o seu labor social principalmente no noso país.
Sendo isto certo, non quero dicir que o atraso económico de Galicia se deba única e exclusivamente as nosas Caixas (decátese que por respecto o seu poder escribo o nome con maiúscula para non confundilas co tambor), que esquecéndose dos impositores invisten  en outros caladoiros.

É un axioma económico, que o diñeiro non coñece fronteiras.

Pero debemos destacar os grandes beneficios que a esta sociedade lle reportan as nosas Caixas, que fan que nos sintamos satisfeitos e moi honrados de contar con unhas entidades, que merecerían ser consideradas como ONGs:
Concédenche créditos co único aval do teu valor como persoa, cobran uns xuros por debaixo dos marcados no mercado (persoalmente estou pagando un 5,80%), non executan as hipotecas, axudan ós sectores máis innovadores da nosa economía, e ademais castigan ós seus directivos e amigos concedéndolles escasísimos cretos e a un alto interese(1%).

Ruído de caixas que nos estouran na cabeza e non nos deixan pensar, que algúns que defenden a fusión das dúas Caixas son os mesmos que agreden a nosa idiosincrasia ( que é o feito diferencial de ser galegos e non vacas leiteiras), como fan co mal chamado "bilingüismo".

Toquemos unha ou toquemos dúas Caixas non marcarán por moito tempo o ritmo da muiñeira. Prognostico que no primeiro dos casos non tardaremos moito en bailar todos ó ritmo do chotis e no segundo uns bailarán chotis e outros sardanas.

E en Galicia ó son do pandeiro cantaremos:

Este pandeiro que toco
por moito que repenique,
 non teñas medo que rache
que é de coiro de cacique. 



http://www.youtube.com/watch?v=hyC6ZJeIpU8