Meu bisavó tiña un irmán crego na parroquia de San Pedro de Muros. Contaba unha artimaña, que lle confesara o cura , que artellou un párroco de unha aldea da Costa da Morte, para atraer ós feligreses que se distanciaran da doutrina cristiá, deixando de acudir ós oficios e de pagar a oblata:
Fixo desaparecer a imaxe do patrón que enterrou no medio de un camiño, e deitou un ácido arredor. Cando no amencer pasou o primeiro carro de bois, os animais ó pisar o ácido recuaron. Non houbo maneira de facelos pasar. Cambiáronos por outra parella e tampouco tiveron éxito.
“Isto é cousa do demo”
Correuse o conto por toda a aldea e mesmo o crego presentouse co hisopo da auga bendita. Esparexeu unhas pingas que o caer no chan fumegaban.
“É un sinal do ceo”
Cavaron no camiño, apareceu o santo e os fieis volveron os oficios e o que era máis importante, pagaron a oblata.
Se alguén me dixese que roubaran a torre Eiffel, pareceríame un desatino. Non pola dificultade de metela no furgón no que sempre foxen os ladróns das películas, tamén porque non tiña futuro o roubo, pois non se podería negociar con ela. Quen compra algo único que é roubado e non o pode nin mostrar para presumir?.
O mesmo se pode dicir do Códice Calixtino, non se pode vender. Só algún onanista místico, que lle produce orgasmos a súa contemplación, pode ter interese en posúelo. Se este onanista non é un pirómano tolo, o códice, tarde ou cedo acabará por aparecer.
Pero tamén pode ser que se trate de unha operación de marqueting, é unha hipótese que non se pode descartar: Promocionar o Camiño e a cidade de Santiago, resucitar valores esquecidos da influencia da Igrexa na nosa cultura, promocionar un libro que está a punto de publicarse ou unha película que se pretende rodar sobre o tema.
Cando o milagre se produza os fieis correrán a pagar a oblata.