jueves, 14 de enero de 2016

POLÍTICA PARA POBRES.

POLÍTICA PARA POBRES.


As termas públicas do Baño atópanse na comarca da Baixa Limia. Inda que unha boa parte do ano están asolagadas por as augas da presa das Conchas os adictos as augas termais -entre os que me conto- temos os contactos para comunicarnos cando baixan as augas do encoro e van deixando descubertas as pozas. Velaí que dous días despois de ficar descubertas xa se encontren concorridas por xentes que veñen de todas partes, aínda que maioritariamente de Portugal.
As termas vista desde o campamento romano de Aquis Querquennis.

Cada poza ten os seus siereiros. Particularmente tomo o baño na poza grande (inda que non é a maior, denominámola así porque é a máis fonda e ten a auga máis quente). É de todas a que ten máis fieis, e por así dicilo a poza dos veteranos. Alí sentados, relaxados a xente fala de todo: das colleitas, da caza, dos cogomelos, do fútbol, do gando, da pesca, da vendima, dos froiteiras, da poda, das pragas, da cociña e da culinaria, dos nudistas e do nudismo (sempre hai algún nudista e tamén xente que non ve con bos ollos esta práctica e da para sacar o tema), da igrexa, de política e dos portugueses e dos españois, en fin, da vida. A lingua vehicular é un portugalego no que todos nos entendemos.

Hai uns dous meses falábase do novo goberno portugués. 
Un xubilado de Leixoes rachaba a boca chea contra o Presidente da República por que lle encargara facer goberno ós “comunistas” (así denominaba ós partidos de esquerda). O opción máis votada nas eleccións de setembro fora unha coalición de todos os partidos da dereita que ficou por debaixo do 40% no escrutinio. O presidente encargoulle formar goberno, pero so durou un mes pois ó carecer de maioría todas as propostas que presentou no parlamento foron rexeitadas pola oposición que contaba co 60% dos deputados.

Na conversa en principio participaban dúas ou tres persoas, pero e habitual que os demais entren coa cerimonia de “se me permiten” polo que pronto engordou o número de conversadores. A maioría sostiña que quen gaña, gaña e era a quen lle correspondía gobernar. 
Un doutor de Braga era o único que xustificaba que puidese e incluso debería gobernar o partido que contase con máis apoios no parlamento, pois no caso contrario non se podían aprobar as leis, nin os orzamentos o que imposibilitaba a gobernabilidade.
Algúns que o coñecían calaron -un doutor é un doutor-, calaron pero non outorgaron. Era evidente que seguían sen comprender que en esa liga non lle desen a taça o campión.

Entón dirixinme o reformado de Leixoes, que insensible a autoridade do doutor seguía rachando e prognosticando un negro futuro para Portugal.
-Se me permite, señor, voulle a dar un exemplo. Pero antes dígame, voçé é reformado?
-Si, sou reformado.
-Vamos a supoñer que se presentan as eleccións 4 partidos. Un di de baixarlle a paga ós xubilados os outros tres din de subirlle a paga. Agora vamos supoñer que o primeiro gaña, pero con menos de un 40% dos votos. E dicir que de cada 100 votantes máis de 60 están de acordo con que se suban as pensións. Parécelle xusto que goberne o partido que lle vai baixar a “reforma”?.
-Não. Mais iso non vai acontecer. Pois os outros tres van votar na contra.
-Velaí, se un partido non pode aprobar as leis que prometeu no seu programa non pode gobernar. Polo tanto teñen que gobernar os outros.
-Teño sesenta e sete anos e non tiña caído na conta. Hei recoñecer que foi unha lección de política para pobres.
Quedeime coa letra “política para pobres”.