viernes, 27 de abril de 2012

POÑENDO AS COUSAS NO SEU SITIO.


As prodixiosas mentes pensantes que xiren a economía mundial, capaces de converter a palla en ouro, non foron quen de prever as consecuencias que determinados produtos bancarios orixinarían no mercado até o punto de poñer en evidencia as vergoñas do actual sistema económico global.
Algúns economistas e analistas económicos xa tiñan advertido do perigo. Pero non eran relevantes. Eran marxinais, ignorados ou desprezados por os “gurús” da economía.
Nos EE.UU. onde se detectaron os primeiros casos de grandes entidades bancarias contaminadas con produtos tóxicos, o goberno do republicano Busch, optou por rescatar estes bancos con diñeiro público. Tiña outras dúas posibilidades, deixalos caer ou nacionalizalos. Dada a cor do goberno non cabía esperar outra solución.
Debido as promiscuas relacións que os bancos manteñen entre si, unha nova “peste” expandiuse por todo o sistema financeiro mundial.
Agora os incendiarios convértense en bombeiros e son os mesmos xenios que fabricaron a “sida” os que nos dan as receitas para curala.
(Todas estas receitas van con cargo a seguridade social dos traballadores, con copago incluído).

Aproveitando o impacto producido na sociedade por esta situación de grave inestabilidade económica, é o momento de poñer orde no sistema económico occidental, agravado por outras doenzas, como son a dislocación e a competencia dos mercados das economías emerxentes.
Este é o momento de poñer ás economías occidentais en situación de competir con China e compañía.
Estamos en un mercado global onde non existen diferencias no costo das materias primas, dos transportes, da tecnoloxía, etc. que determinan o prezo dos produtos manufacturados. O problema está fundamentalmente no mercado do traballo. Os traballadores en Europa son moi caros. A industria europea non pode competir coa dos países onde se explota os traballadores e os nenos.
¿Que facer?
Podemos barallar dúas saídas e inda unha terceira mixta.
A primeira, a ética, consistiría en non permitir nos países occidentais a importación de produtos fabricados en países nos que exploten ós menores ou non se garantiren uns salarios dignos e unhas coberturas sociais semellantes ás que temos en Europa. Esta opción, que debía ser a elixida por uns países que se gaban de defender os dereitos humanos, non se toma en consideración porque vai contra as sacrosantas leis do libre mercado.
A segunda, a do terror, consiste en aterrorizar ós traballadores hasta paralizalos para que acepten pasivos unhas condicións laborais semellantes as que hoxe teñen os traballadores dos países emerxentes.


 En esas estamos. Poñendo as cousas no seu sitio.

miércoles, 25 de abril de 2012

CAPITÁNS DE ABRIL




Aqueles caraveles vermellos que reventaron nas rúas alfacinhas o 25 de abril de 1974, fóronse murchando e mudando a súa cor, ate o punto de non ser recoñecibles. Primeiro cor de rosa, logo amarelos e agora mesmo azuis.
Os Capitáns de Abril, negáronse por primeira vez a asistir a Conmemoración de 38 aniversario da Revolución. Os presidentes Socialistas da  República, tamén.
O actual goberno quebrou o espitito da Revolución dos "cravos" . 


A crise e o goberno portugués mataron o que non foron capaces de sufocar os tanques da Dictadura salazarista de Caetano.




                                                Un momento do film "Capitáns de Abril".



CRAVOS VERMELHOS ENVERGONHADOS…
Rogério Martins Simões

Ainda há pouco eu era prisioneiro de opinião no meu próprio país;
Ainda ontem engrossava a multidão com cravos.
O tempo passou depressa e, na pressa, vai-se esquecendo que, para haver liberdade, muito foram os que lutaram e morreram.
Volto ao antes de ontem, adolescente, escrevendo poemas por metáforas com medo de ser preso.
Hoje, volto a pensar nos meus sonhos de abril;
Nas minhas mãos cheias de cravos: ilusões, e resquícios d´um odor a cravos vermelhos envergonhados...
Rogério Martins Simões


sábado, 14 de abril de 2012

AS PREFERENTES


AS PREFERENTES.

Hai uns anos en este mesmo blog escribín unha entrada co título de “Caixas ou pandeiros”. En el mofábame da disputa mediática (política) e do chauvinismo co que enredaban o palangre, cando en realidade só se estaba tratando de poder e de diñeiro. O que menos lle importaba a eses “señores” (con todo o respecto ós verdadeiros señores) era Galicia e aínda menos a maioría dos galegos.

Xúrovos que non teño ningún trato co demo pero dáme que pensar que sempre que auguro algo malo o tempo dáme a razón.
Velaí cen mil galegos que en un malabarista xogo de mans ven desaparecer os seus aforros de esas mans amigas e paisanas nas que todos confiabamos, as nosas Caixas.


Uns son xubilados, que precisan de uns euros para axudar ó seu fillo que perdeu o traballo, outros son xoves que estaban aforrando para unha casa e agora precisan o diñeiro para ir capeando o temporal e outros son traballadores que ven que todos os sacrificios da súa vida, os que lle garantían certa estabilidade no futuro se converten na súa maior preocupación.

Convencérannos de que os Bancos eran seguros e non o dubidábamos. Xa só os moi vellos falaban que se acordaban da creba do banco de Tal que lle collera os aforros dos avós de Fulana ou de Fulano. Batallas de vellos, pensábamos. Agora os bancos están controlados por os Bancos Centrais e pola CMV. Teñen a garantía do estado.
Que problema hai?

Problema non había ate hai uns vinte anos, pois os Bancos eran maioritariamente nacionais e movíanse dentro de seu territorio con un control estatal. A globalización fixo que os bancos máis importantes de cada pais se lanzaran a conquista do mundo. Fusións, anexións, “opas” e outras formas de integración fixeron que menos de cincuenta bancos administren máis da metade do diñeiro do mundo. Estes bancos teñen máis poder que os dos estados que os acollen. Estes bancos, e os seus lobbies premeron nos gobernos para que estes os liberaran de algúns controis que segundo eles freaban a súa expansión. Libres de trabas comezaron unha política coñecida como enxeñería financeira na que sacaron produtos ó mercado capaces de producir milagres, facendo crecer a riqueza de particulares, institucións e países ó marxe da súa produtividade nos sectores da economía tradicional. A idea que lograron transmitir ó cidadán era a de que para facerse rico había que especular co diñeiro. O traballo físico ou intelectual era cousa de apoucados ou de xente ancorada no pasado.

Chegados a este punto os bancos convértense no verdadeiro poder que domina o mundo. Vivimos en unhas democracias tuteladas por os banqueiros. Creceron tanto e téñennos collidos por salva as súas partes, que non hai maneira de vencelos. Espero que coma ós dinosauros sexa o seu tamaño o seu peor inimigo.

E das preferentes, que?.
A miña opinión é que si o Poder Xudicial inda está libre da tutela bancaria, ese pode ser un camiño para recuperar o diñeiro retido. En todo caso o camiño será longo.

Tamén cabe a posibilidade de politizar o asunto levándoa mobilización a extremos incómodos para o Goberno. Este pode ser o camiño máis curto.

- Aplicado ós bancos
 A VOSA SAÚDE!

(Se coñeces o chiste do pastor e o tren que lle matou as ovellas, recorda o dito: “Hai que matalos de pequenos”).

ANIVERSARIO


   Si a Segunda República fose unha muller hoxe estaría de aniversario. Exactamente hoxe 14 de abril de 2012 cumpriría 81 anos, dous anos menos do que a media de vida de calquera muller española contemporánea (da súa quinta).

   Non lle deron opción a contribuír a mellorar a lonxevidade das españolas, pois ós cinco anos comezaron a torturala e antes de cumprir os oito xa a tiñan enterrada, mesmo aqueles que lles importaba (impórtalles) máis a vida dos non natos que a de tantas criaturas que morreron, ou mellor dito, mataron.

   Hai moitas maneiras de matar. De fame, de vergoña, de contaxio, de sucidade, de falta de atención ou de cariño, de malos tratos...Estoume referindo a estas formas de aniquilar ó ser humano. Inda que non faltan casos de mulleres preñadas e de criaturas que foron asasinadas por esa caste de españois que non aceitan que os que non pensan coma eles teñan sequera dereito a vivir.
(En este intre venme a cabeza a imaxe de Miguel Hernández escribíndolle o seu fillo as nanas)

Que estas chuvias de abril que acabaron con tanta seca fagan brotar esa flor tricolor, para que as súas sementes igualdade, fraternidade e solidariedade aniñen con ilusión e alegría no corazón dos españois.