domingo, 22 de marzo de 2020

PESADELO


En estes días estraños nos que estamos a vivir encontrei en un vello ordenador que hai mais de dez anos que non usaba este conto, que daquela abandonei., pero que hoxe parece un espello da realidade onírica na que estamos.



Cando acordei do estraño soño constatei sorprendido que permanecía atrapado dentro do propio soño.
Non sei con certeza se era o soño que non quería abandonarme ou era eu que era incapaz de desembarazarme das mallas da rede que me envolvía de unha forma intanxible, leve, laxa, atadas con molidas nos de recordos que non se traducían en nada concreto.
 Non era capaz de entrar dentro de min mesmo, da miña realidade, para distinguir o que era soño do que era real. Un asubío de vento nunha atávica carballeira rompía o silencio, sen deixar de arrolarme un silencio profundo, absoluto. 
Non quería abrir os ollos, pois percibía que algo se ía romper. Unha escuridade viscosa e doce envolvíame e quebrábame a vontade de abrir unha chisca os ollos.
 Tampouco era consciente do lugar en que me encontraba. Era evidente que estaba deitado cara arriba. Estaba deitado sobre unha superficie mol, pois non notaba nas miñas costas nada sólido. Diría que me encontraba sobre un líquido seco ou sobre unha nube.

Tendo constatado todo isto de unha maneira moi vaga, e máis, non sabería dicir se estaba dentro ou fora do soño. Mesmo non sabía se o suxeito do soño era eu ou ben ó contrario se eu seguía sendo o obxecto do soño. Non sabería dicir porque nin como era, pero lémbrome que o home do soño se chamaba Constantinopla. Ou era o meu nome?. Non recordo se este é o meu nome. Non teño forza para lembrar o meu nome. O menor esforzo rompería ese fío imperceptible que conecta o meu consciente co meu inconsciente.
 Mesmo éntrame a dúbida de se son un ente material ou inmaterial. Sinto que teño membros pero están adormecidos. Daquela maneira que din que os coxos ou os mancos senten os membros amputados.

Se cadra eu non son nada, non son ninguén, son só unha idea perdida no espacio. Este pensamento invádeme, pertúrbame. Non pode ser posible que unha idea ande perdida sen un suxeito que a enxendrase, que a parise. O reloxo e o relexeiro. Pero as ideas non son reloxos.
Existe pois a posibilidade de que eu non exista de que sexa parte do sono.
 Facendo un infinito esforzo comprobo que podo mover a lingua dentro de un medio viscoso, que considero que é o cuspe, tamén noto o roce suave da lingua nas enxivas e na dureza de esmalte dos dentes. Esta constatación tranquilízame no momento pero non consigo saír do soño nin entrar na realidade.
 Esta terra de ninguén é terriblemente paralizante. Non tés conciencia nin do tempo, nin de ti, nin de nada. Síntome coma o piñón que cae da piña e fica no ar dando voltas e voltas, antes de aterrar.

En estas voltas que me marean volvo a inconsistencia da proba da miña materialidade. A proba da lingua non é suficiente, pode ser unha suxestión, un regreso ó soño. Vou facer outro pequeno esforzo para confirmar que son algo material. Vou movendo os dedos de unha man e logo os da outra comezando polo moumiño e rematando no polgar. Comprobada a mobilidade dos dedos vou movendo amodiño as mans por encima do meu peito, da barriga, da entreperna onde percibo que o meu sexo é masculino. Son un home. Pero nada do que vou descubrindo se me fai familiar. Diría que este corpo que estiben explorando correspondía a outra persoa, nas xemas dos dedos sentía a pel fría e o seu relevo, pero na pel non sentía a caricia dos dedos. Non tiña sensación de frío, pero sentía a friaxe do meu coiro na xema dos dedos. Certamente estaba nu e descuberto, pois nada estorbaba o deambular das mans.
 Un flashs procedente do meu ser máis profundo dime que hai algo que non concorda. Na entreperna os dedos non encontraron pelo, parecían estar afeitadas as inguas. O único que recordaba de min mesmo, da miña constitución, era o meu pelo inguinal.

Con gran fatiga mental cheguei a colixir que era algo material, que era un home, pero que non era eu. Como consecuencia se eu estaba pensando coma eu, a única conclusión que podía sacar é que me debería encontrar atrapado dentro de outro corpo distinto o meu. Mais sendo así, atormentábame a pregunta. Era eu o dono do corpo ou era o corpo o dono de min?.
Eu son o que pensa, eu son o que sente, eu son o que teño conciencia de este corpo que me alberga, evidentemente o corpo é meu.
Pero se o corpo se nega a ser meu?

A única maneira de saír de esta complicada conxuntura abafante era levantar as pesadas cancelas das miñas pálpebras. So con abrir os ollos podía comprobar a miña realidade física e constatar se ese corpo que as miñas xemas non recoñecían era o corpo que debería estar nos rexistros da miña memoria. Pero tampouco podía confiar en unha memoria que non me enviou en todo este tempo máis que unha imaxe. A imaxe do meu pelo púbico. Había que arriscar, enviar unha orde e esperar a ver se os sentidos me respondían.
Lentamente, con gran esforzo, abrín o ollo dereito e seguidamente o esquerdo.
 Unha cascada de luz leitosa encheu a cunca dos meus ollos. Era unha luz tan branca coma opaca que se derreteu toda en unha luz cegadora. En un mar de leite luminoso.
 Por un intre todo eu era luz. Os meus pensamentos eran luz, o meu redor tamén era luz e o que debería ser o meu corpo tamén era luz.
A luz é enerxía. Non sabía precisar se estaba entrando a luz, a enerxía en min ou por o contrario era a enerxía que se ía de min.

Esa luz poderosa é a que me impide ver a realidade.