sábado, 24 de julio de 2010

DE ESTACA DE BARES O DOURO

Cando o poeta cambadés Ramón Cabanillas escribía o inflamado poema "Himno de acción gallega", aquel que comeza  con esta ardente estrofa,
("Irmáns! ¡Irmáns galegos!
¡Desde Ortegal ó Miño
a folla do fouciño
fagamos rebrillar")


esqueceu que hai outros galegos máis alá do río Miño, que están sendo sometidos polo estado Portugués. Galegos tamén son os que habitan entre o Miño e o Douro.


É certo que manteñen a súa fala, ainda que con moitos agravios. Un labrego das montañas do norte, para un alentexano, non fala portugués que fala galego. Tenme acontecido que falando coa xente das vilas miñotas no galego da miña aldea téñenme feita esta observación:
-"Voçe fala á moda antiga"


Hai movementos na Galicia, que tratan de un encomiable achegamento da lingua galega á  portuguesa (orixinariamente a mesma) a través da grafía, que sen dúbida tería un gran impacto no campo editorial, por dispoñer de un mercado de máis de douscentos millóns de falantes.
Nesta luta está a asociación político-filolóxica AGAL, que entre outras moitas razóns máis ou menos cuestionables, mantén esta irrefutable, que colocaría nas librerías galegas miles de libros ós que só temos acceso en castelán.


o Profesor Lage, que daba aulas de físicas na Universidade de Porto, e natural do vale do Lima  (Limia) e tamén un estudoso da historia da comarca, sostén que os miñotos e trasmontanos son galegos. Algo obvio, que xa tiñan constatado os romanos 2.000 anos antes. Mais a presión política e mediatícea de Lisboa, danlle o termo un senso pexorativo que coma un fino orballo vai calando no subconsciente colectivo.
A comunidade europea recoñece que Galicia e o Norte de Portugal son xeográficamente e étnicamente un todo, que definen como euro-rexión.


Máis non só en Madrid poñen pedriñas nos zapatos dos galegos para que non poidamos camiñar xuntos. Se cadra poñen máis en Lisboa con un sistema máis centralista.
Non hai moitos anos abortouse a rexionalización, con un referendo que gañaron os xacobinos centrados no sur do río Douro.
Estes días aprobouse coa complicidade dos dous grandes partidos da política portuguesa unha taxa para aplicar os vehículos que entran nas autovías portuguesas unicamente por a raia  galega, da mesma que  separa ós galegos da Galicia española dos da Galicia portuguesa.


Nunca deberemos esquecer, que Portugal, o mesmo que España, foron imperios.
Digo isto por o despréceo que sempre demostraron os imperios pola cultura dos pobos dominados.


Neste día da Patria Galega, esquezamonos dos intereses de Madrid e de Lisboa, que son semellantes e centrémonos na Galicia  dos galegos, da que vai de Estaca de Bares ó Douro.

jueves, 15 de julio de 2010

MAREA ROJA

O polbo Paul é o responsabel das nosas alegrías e das nosas penas

O tsunami vermello  que asolou o Reino de España, con motivo do Campionato Mundial de Fútbol, foi tan grande que non cabía dentro do territorio, de tal maneira que se desbordou coma unha ola de leite ó ferver, chegando até as rías.


E como non hai mal que por ben non veña, tamén hai a  viceversa: de xeito que o que foi unha "marea roja" de satisfacción en terra, converteuse en un pesadelo máis para os produtores de mexillón.


A "marea roja" está a afectar a dúas ducias de poligonos de bateas de mexillón.
Ós bateeiros que levan máis de medio ano sen cobrar a produción facturada, agora so lles faltaba que a "Roja" xogase na súa contra.


Anque as desgracias nunca veñen solas esperamos que así como Casillas, Xavi, Iniesta, Villa... collen vacacións, fagan o mesmo as toxinas lipiofílicas e deixen ó sector recuperarse. 




El Intecmar advierte de que la marea roja puede durar meses 
La directora del Intecmar, Covadonga Salgado, advirtió en la jornada de ayer de que la marea roja que impide la extracción de mejillón “puede prolongarse semanas o meses”. (Diario de Arousa)

miércoles, 7 de julio de 2010

CONCELLO DE AROUSA

Agradezolle a Juan poza esta foto para reivindicar o Concello de Arousa.

Cando na conversa un dos contertulios despois de soltar un topico sobre os da illa de Arousa reparou que eu non concordaba coa súa vulgar opinión, antes que formulara a miña protesta disculpouse:
-Perdoa, pero ti non eres illán.

Hai un ano, máis ou menos, que escribía no blog "arousa día a día" http://sito-vazquez.blogspot.com/ un traballo co título "A ILLA QUE PERDEU O NOME". Pensei, daquela, que anque perdera o nome non perdera o xentilicio e que os da illa que perdera o nome seguiríanse a chamar arousáns.

De maneira que lle respondín:
-Non che vou ir sobre o clixé racista ou clasista que tes sobre a Arousa, pero non che permito que me insultes chamándome illán.
-Xa sei que tí non eres da illa...
- Son da Arousa por adopción, por amor a esa terra e a súa xente, por iso me doe que nos chames illáns.
-Como queres,logo, que lle chame os da Illa?
-Pois como se chamaron sempre, Arousáns.
-Arousáns, somos todos os que vivimos na ría de Arousa.-Terciou outro dos contertulios.
-Perdoa, Paco, ti eres cambadés ou salesiano. Arousáns son só os da illa de Arousa. Na ría non vive a xente.
Vives nun pobo dentro de unha comarca a veira da ría de Arousa: O barbanza, O Salnés, O Ullán.


Dos catro que estabamos na conversa tres viñeron na miña contra con un argumento lóxico e difícil de revater.
-Os de Vilanova de Arousa chámanse vilanoveses, que non se chaman arousáns, os de Vilagarcía... ,así que os de a Illa...
Protestei interrumpindo:
-A diferencia está en que Arousa e o nome de unha illa, e unha illa non é máis que un accidente xeográfico, coma un cabo, un golfo ou un monte.
Por contentarme, Paco, díxome:
-Será como tí dis, pero vas ter que convencer a moita xente, pois para a mocedade, sodes os da Illa ou os "isleños", ainda que para algúns vellos sexades os da Arousa ou os arousáns...pero os vellos van morrendo.

Antes de que os vellos vaiamos morrendo e para que non insulten os nosos fillos e netos chamándolles illáns, sería ven que dende o Concello se tomasen as medidas precisas para que a Illa sen nome o recupere e os pobos veciños saiban que o noso xentilicio é arousáns.

Non sei, ou se cadra sei, quen tendo poder no seu momento, tivo a idea de antepor ó nome do Concello o dun accidente xeográfico que é evidente.

Debemos facer algo. Se é preciso facer un referendo, faise.
Nada hai imposible.
Todos xuntos por un concello de Arousa

lunes, 29 de marzo de 2010

CAIXAS OU PANDEIROS?




A caixa é un instrumento de percusión. Os que tocan a caixa (ou tambor) reciben o nome de tamborileiros. Unha caixa non é un piano, que se pode tocar a catro mans. A caixa tócase con dous pali-troques que marcan o ritmo da canción.
A caixa tampouco é un pandeiro. O pandeiro tócase coa xema dos dedos ou cos cotelos.

Nos últimos meses véñense oíndo sons descompasados de caixas que chegan máis alá dos lindes do noso país.
Con tanto ruído de caixas acabarán facendo de todos nós un pandeiro.

Tamén hai Caixas de Aforros, que son galegas porque teñen a súa sede en Galicia, acollen os aforros de moitos galegos e desenvolven o seu labor social principalmente no noso país.
Sendo isto certo, non quero dicir que o atraso económico de Galicia se deba única e exclusivamente as nosas Caixas (decátese que por respecto o seu poder escribo o nome con maiúscula para non confundilas co tambor), que esquecéndose dos impositores invisten  en outros caladoiros.

É un axioma económico, que o diñeiro non coñece fronteiras.

Pero debemos destacar os grandes beneficios que a esta sociedade lle reportan as nosas Caixas, que fan que nos sintamos satisfeitos e moi honrados de contar con unhas entidades, que merecerían ser consideradas como ONGs:
Concédenche créditos co único aval do teu valor como persoa, cobran uns xuros por debaixo dos marcados no mercado (persoalmente estou pagando un 5,80%), non executan as hipotecas, axudan ós sectores máis innovadores da nosa economía, e ademais castigan ós seus directivos e amigos concedéndolles escasísimos cretos e a un alto interese(1%).

Ruído de caixas que nos estouran na cabeza e non nos deixan pensar, que algúns que defenden a fusión das dúas Caixas son os mesmos que agreden a nosa idiosincrasia ( que é o feito diferencial de ser galegos e non vacas leiteiras), como fan co mal chamado "bilingüismo".

Toquemos unha ou toquemos dúas Caixas non marcarán por moito tempo o ritmo da muiñeira. Prognostico que no primeiro dos casos non tardaremos moito en bailar todos ó ritmo do chotis e no segundo uns bailarán chotis e outros sardanas.

E en Galicia ó son do pandeiro cantaremos:

Este pandeiro que toco
por moito que repenique,
 non teñas medo que rache
que é de coiro de cacique. 



http://www.youtube.com/watch?v=hyC6ZJeIpU8

jueves, 21 de enero de 2010

CHOVE NA CASA DO PROBE



Non debe sorprender a ninguén que as catástrofes naturais se ceben nos países máis probes. Como di o proverbio, sempre chove na casa do probe.

A providencia divina, conforme ós feitos (que non os ditos) do seu portavoz universal, a Igrexa, xa hai moito tempo que virou o casaco e protexe en exclusiva os intereses dos máis ricos, para que siga habendo probes polos que pedir, para facer caridade cristiá.

A peste negra que asolou Europa no século XIV foi cualificada pola igrexa de aquela época como un xusto castigo divino. En aquela sociedade profundamente relixiosa, moitos ollaron para o ceo, pedindo perdón polos seus pobres pecados e moitos maldicindo a un deus tan rigoroso e inxusto. O certo é que esta desgracia produciría na sociedade e na propia igrexa un sentimento de rexeito e desafección, que será unha das causas que propicie as sucesivas divisións no seo da Igrexa (Cisma de Occidente -S.XIV e XV- e seguidamente a Reforma Protestante) e na sociedade coa chegada do Humanismo e a caída de Constantinopla. Foi o fin do réxime feudal.

No ano 1.755 un maremoto asolou Lisboa, morreron ducias de miles de persoas. A Igrexa dixo que era o merecido castigo polos pecados da humanidade. Este feito de gran suceso en Europa,vai repercutir no pensamento, cuestionando os dogmas, a bondade e a xustiza divinas...Este acontecemento e a independencia dos EE.UU.precipitan a chegada do racionalismo, da enciclopedia, da Revolución Francesa e da democracia. Foi o fin do Ancien Régime.

Cando escoitei a entrevista que Gemma Nierga lle facía ó novo bispo de Donostia, monseñor Munilla, sorprendinme da súa soltura e presencia diante do micrófono. Mesmo semellaba un profesional (logo supen que o era). Seguín a entrevista con máis curiosidade que interese polo que se dicían. Cando a periodista lle pediu opinión sobre a catástrofe de Haití e contestou que peor que o terremoto e os seus miles de mortos e mancados, era a "pobreza espiritual que padecemos", considerei que era unha resposta lóxica para unha xente que só pensa coa clave da bóveda do Vaticano.

Se cadra, monseñor, quixo dicir, que a culpa das desgracias dos haitianos era da pobreza espiritual que padecemos aquí.
Espero que esta non sexa a postura oficial da igrexa católica, pois debido a miña pobreza espiritual e a estar enrolado nas súas filas (sen meu permiso), levaría sobre min a culpa de tantas desgracias.

¡Que tranquilo viviría deus, sen tantos avogados silveireiros!

A Igrexa debería ter presente que unha destas catástrofes naturais significou o fin dos dinosaurios.

As veces dubido se terán desaparecido todos.

sábado, 7 de noviembre de 2009

AS MULLERES DO ALAKRANA




Desde o dolor e a preocupación que me produce a traxedia pola que están a pasar os
tripulantes do Alakrana, quero manifestar a indignación que me producen as manifestacións de algúns dos seus familiares.

Primeiro repróchanlle ó Goberno, que non as teña informadas. Cando ven a ministra Espinosa a transmitirlle os desvelos e preocupacións do Goberno, desprézana dicindo que se podía aforrar a viaxe.

É certo que a clase política vive horas baixas, por varias razóns: crises, corrupción... Pero a clase política que temos é a que nos merecemos. Os que votamos porque nos equivocamos e os que non votamos, porque preferimos que se equivoquen os demais para así poder criticar con liberdade.
O goberno de Zapatero non mandou ós barcos a pescar en caladoiro perigosos, nin en augas de outros países, como mandou Aznar as tropas ó Irak.
Os armadores arríscanse porque saben que ó fin o goberno pagará os rescates.

Que vos parecería si ZARA montase unha téxtil en Paquistán ou en outro pais inestable,que os talibáns secuestraran os dirixentes e pedisen un rescate o goberno?
Que opinariades si ETA secuestrase a varias persoas e puxese como condición para liberalos a liberdade de todos os seus presos e ademais pedise millóns de euros para armamento?

Deixando de lado que os rescates os pagamos todos os españois. Esquecéndonos de que eses millóns de euros podían crear os tan necesarios postos de traballo e axudar a algunhas familias. Centrémonos no feito en si.
Un estado de dereito pode deixar en liberdade a uns delincuentes baixo a ameaza de unha chantaxe? Esta pregunta vai dirixida a aqueles sectores máis conservadores da sociedade, que son os que con máis veleno empezoñan ó Goberno.
Non esquezamos que o poder xudicial é independente, pero réxese por unhas normas extremadamente reguladas.
Temos a clase política que nos merecemos, ou nin si quer merecemos, pois visto como marchan as enquisas nas que o PP adianta o PSOE, cando todos sabemos que a crise é consecuencia das políticas neoliberais postas en práctica polos gobernos de dereitas e que a corrupción e espionaxes (e loitas de intereses Caja Madrid) se ceba particularmente nos populares.
Que podemos esperar de uns políticos os que premiamos con votos a súa desvergoña?.

Ós familiares dos mariñeiros secuestrados, pediríalles que reflexionasen e se deixasen de descalificacións. Cando arrecia o temporal hai que remar todos xuntos.

miércoles, 28 de octubre de 2009

O MISTERIO DE PORTUGAL

A Escola Pública dos nenos de Bamio estaba no alto de San Xoán, mesmo debaixo da capela do santo. Antes foi a taberna do Cuncheiro. Era un edificio de pranta baixa, co teito furado e apuntalado, que nos días de choiva había que recoller as pingueiras en gabidos.

Cando entendín que os mapas eran como debuxos de cachos de terra, xa levaba algún tempo asistindo a Escola Nacional, a escola de "Donalfonso"- Todos lle chamábamos así, ata doña Marujita, a súa dona, cando se refería a el dicía "llévale este paquete de tizas a Donalfonso".

As paredes da escola foron perdendo a cor branca do cal e collendo unha ferruxe cinza-verdosa provocada pola humidade.
Pendurados das paredes estaban: O crucifixo co crucificado e debaixo o "Generalísimo" engalanado con capa imitando un retrato de Luís XIV, detrás da cadeira do profesor, entre as dúas xanelas que iluminaban a aula. Nas paredes de ambos os dous lados había catro mapas: Un de España político, outro de España físico, un de Europa e un mapamundi.
Cando entrabamos o profesor estaba arrimado á folla da porta. Os alumnos ó entrar tiñamos que saudar con esta cantadeira: -"Ave María Purísima, buenos días como está usted" A maioría das veces so dicíamos:"...tá usté", pois o mestre non se decataba. Pero aquel día decatouse e díxome:
-Vázquez García, salga y después vuelva a entrar.
Saín e entrei recitando toda a oración.
-Ahora se quedará en pie hasta la hora del recreo mirando a la pared.
O mapa de España político estaba fronte os meus ollos, que tiveron hora e media para escrutalo: Era un mapa con dous remendos: nun estaban as illas Canarias e no outro un recadro que dicía: Mapa Político de España, e unha serie de sinais de cores con unha lenda: escala, fronteras... Cada rexión tiña un borde de unha cor apagada, que con menos grosor tamén dividía as provincias que a conformaban. En branco estaban dúas partes. Unha arriba, que poñía Francia e outra a esquerda que en sentido vertical se lía Portugal. Sorprendeume a rareza de que todos os nomes estivesen escritos horizontalmente menos o de Portugal.
Pero o que máis me sorprendía era o baleiro que estaba aquel cacho de mapa.
Aquel mapa era a foto de España, dicíao na lenda: MAPA DE ESPAÑA.
Pero aquela parte semellaba como que estaba núa, sen cores. Cando o mestre mandou pórse en pé para cantar o "caralsol" antes de saír ó recreo houben de retirarme un pouquiño para que non batese o meu brazo levantado na parede.
A nova perspectiva doume a idea de que España era unha cabeza e a parte branca era a cara, co seu nariz e co seu queixo.
Cando máis tarde soube que Portugal non era España non cheguei a comprender como poñendo en todos mapas " mapa de España" unha parte non o fose. Precisamente a cara. Como podían saber si era España, si na foto non saía máis co contorno da cara. Cabía a dúbida de que España non fose España.

Os "Portugueses" eran dous serradores que cada outono se deixaban caer pola parroquia, onde permanecían un tempo serrando madeira de castaño de carballo ou de piñeiro que se utilizaban para cerramentos e pisos.
Eran dous cuñados que me seducían porque falaban con un sotaque exquisito e porque tamén gostaba da súa estrana maneira de serrar: un estirado encima do tres pés e outro encollido debaixo, tirando da serra.
Dende ben pequeno eu coñecía ós "Portugueses", como coñecía a Darío, o afiador, a Manuela e Maximiños, os paneiros, Ó Rabiso, o tratante de gando, á Valladares, o fogueteiro, a Serafín, o fragueiro, a Hermóxenes, o perito agrimensor... E outra xente que non eran veciños, pero que de vez en cando se mesturaban coa paisaxe humana da aldea ofrecendo os seus servizos.
Foi entón cantando cara o mapa sin cara o "caralsol" sin sol, cando me decatei que os de Portugal non eran "portugaleses". Encendéuseme a luciña. Ós serradores chamábanlle os Portugueses, porque eran de Portugal. Tamén os coñeciamos coma os "serradores" e os tiralá, pois cando lle preguntabamos porque falaban raro, referíndonos o seu soteque, contestaban: "A xente tira lá".



viernes, 25 de septiembre de 2009

INCENDIO NA CORDELERIA DE BOIRO

Foto do incendio da cordelería Chicolino en Boiro



¿Que pasaría se este incendio se produxese nos bidóns de Ferrazo?

Foto dos bidóns de Ferrazo

martes, 18 de agosto de 2009

OS MERLOS BRANCOS

O Porto do Chufre, é o de maior volume de descarga de mexillon da ría de Arousa. É un porto do que se serven a inmensa maioría dos bateeiros de esta ría. Contar con unhas boas instalacións e un bo acceso non só beneficia a Arousa, beneficia a todo o importante sector mexilloeiro.
O acceso ó porto producese por estradas que non soportan o peso e o volume dos "trailers" que hoxe se usan para o transporte deste marisco proletario.
Durante 12 anos o proxecto ficou paralizado por intereses partidistas, que o fin non lle renderon os beneficios que esperaban obter.
O pasado día 8 de Agosto publiquei en Arousa día a día http://sito-vazquez.blogspot.com/un escrito, que transcribo, por o seu interés para a comarca.

MALDITOS CORVOS NEGROS.

Era un ano de moitas cereixas. O señor Manuel das Quintas tiña unha cerdeira tan cargada que ata lle esgazaron as polas.
O Sr. Manuel era amigo dos merlos, e mesmo se comunicaba con eles. Desde rapaz sostiña que os melros entendíano e falaba con eles. Tamén sostiña que os melros non eran negros, que eran brancos.
Negros só os vían os que os odiaban.
Para que os melros repectaran as cereixas comprou un lenzo branco no que escribiu: “Cereixas propiedade de Manuel das Quintas, o amigo dos merlos”. Fixo un mástil con unha vara de eucalipto e colocou o lenzo coma se fose unha bandeira branca que flameaba por encima da fruteira.
Malia os merlos non eran brancos e ademais non sabían ler. E mentras el perdía o tempo e o creto tirándolle pedras as pombas que pasaban por alí chamándolles corvos negros, os merlos aproveitábano levando no bico as cereixas.
Inesperada mente, entrou unha bandada de merlos na eira do Manuel e deixou a cerdeira núa.
Diante do
evidente o Manoel levou as mans a cabeza e verrou con raiba:
-¡Malditos corvos negros!


UNHA DUCIA DE ANOS PERDIDOS.
No ano 1997(cito de memoria) a Consellería de Ordenación do Territorio aprobou a construcción
da tan necesaria estrada que uniría a ponte co porto da Illa de Arousa. O proxecto redactado intentaba afectar ó menor número de propietarios. Para logralo invadía espacios protexidos pola Lei de Costas. Unha parte dos veciños afectados, animados por os dirixentes locais do
Partido Popular, recurriron o proxecto argumentando que conculcaba a Lei de Costas. Estes veciños non pretendían protexer a costa, pretendían defender os seus intereses. A xustiza, como non podía ser de outra maneira, fallou a favor dos afectados. A Consellería de Ordenación houbo de redactar un novo proxecto. No ano 2005 hai un cambio de goberno na Xunta de Galicia. A Consellería é conminada por a xustiza a redactar un novo proxecto. O novo proxecto redactado intentaba o mesmo que o anterior: facer o menor dano ós paticulares. O non poder transcorrir por dominios públicos houbo de afectar necesariamente a máis privados. A algúns dos propietarios anteriores , o novo proxecto afectabaos en maior medida . O Partido Popular, agora na oposición, fixo, bandeira da defensa dos afectados. Todo tipo de enganos, mentiras, descalificacións personais se fixeron co fin de rentabilizar políticamente unha situación que eles mesmo provocaron animando ós afectados a presentar o recurso. Cando se quere comenzar a obra , cumplidos todos os trámites legais, varios de estes veciños recurren a violencia
para evitar a construcción. No ano 2009 o PP retoma o goberno da Xunta e os veciños que antes se opoñían, agora otorgan e culpan á anterior administración que foi a que redactou o proxecto.
-¡Malditos corvos negros!


O Manuel das Quintas confundía as pombas brancas cos corvos negros.Tiña un problema de percepción óptica que se coñece co
nome de daltonismo. O daltonismo fisiolóxico é unha doenza natural conxénita. Mália o daltonismo ideolóxico é un mal adquirido, que non ten remedio.


John Dalton, descubridor da doenza que leva o seu nome




Os irmáns Dalton, heroes de un comic, famosos por se meteren en líos provocados por eles mesmos e por disparar contra todo
canto se movía no seu entorno. E dicir eran os incendiarios e os bombeiros. Estes representan ó outro tipo de daltonismo.

lunes, 25 de mayo de 2009

AQUÍ EN ESTE PUEBLO SOBRA LA INSTRUCCIÓN





No mes de maio os potes de barro florecían na solaina da casa dos meus bisavós.

Eran xeranios vermellos, que se esparramaban ata pousarse na varanda de madeira de tea.

A miña bisavoa sentada nunha vella cadeira de asas colocada de maneira axeitada para que lle batese o sol nas pernas e a sombra na cabeza, despois da cabezadiña da sobremesa, contábame contos de santos e de bandidos.

En varias ocasións contoume o conto de San Perico:

San Perico era un apóstolo. Máis non só…Era o elixido por Xesús para ser a cabeza da igrexa. Malia a cabeza de san Perico non tiña cabelo. Deus para compensar deulle unha fermosa barba - xustificaba miña bisavoa - e as moscas tampouco respectaban tan transcendental testa.

 Cando un día unha ousada mosca aterrou na lustrosa coroa e lle enterrou o ferrón, san Perico, que era de pronto súpeto, votou man dos seus superpoderes e matounas todas.

Anque nunca gustei das moscas, a aquel meniño que escoitaba embebido aquelas historias parecíalle inxusto, que san Pedro, por unha mosca matase todas.

Un ousado e valente anónimo, que se agacha debaixo do seudónimo de Pepito, e que dí ter sido meu alumno, neste mesmo blog insúltame e descualifícame como docente e como persoa. É o seu parecer e non pretendo emendalo. ( Non vou retiralo, quen queira lelo está nos comentarios ós resultados das eleccións do 1 M, baixo o pseudónimo de Pepito).

O que non comprendo ós meus anos, como non comprendía de neno no conto, é que lle fixeron os outros catro Mestres que nomea literalmente (cinco si contamos outro que cita noutro blog) . E todos os demais Mestres que pasaron polas aulas da Illa de Arousa, os que cualifica, sen excepción, de "tropa bolivariana".

Desde a miña maneira de ver, sempre subxectiva, mais honrada, quero manifestar o meu orgullo por formar parte de un colectivo de docentes tan competentes, preocupados e capacitados, coma os que se nomean e ós que pretendidamente se insulta. Digo pretendidamente, pois ata para insultar é preciso saber. Ser Bolivariano non é o mesmo que ser chavista. Bolivar foio o gran líder da independencia de Sudamérica. Bolivariano é un seguidor das ideas de Simón Bolívar, que era un criollo, e nada teñen que ver coa doutrina de Hugo Chavez.

Para xustificar os cualificativos que lle dedico os meus compañeiros de aulas (o pé de un cento), hei de recoñecer que non todos eran excelentes; pero si, a maioría. Non hai máis que comparar os resultados académicos e as actividades escolares para, ver que non desmerecen os de outros centros públicos ou privados.

Varios alumnos foron distinguidos con importantes premios tanto a nivel provincial, como autonómico e incluso un a nivel comunitario.

Algúns profesores foron recoñecidos con galardóns, tanto individuais como colectivos (Segundo Premio “Rodríguez de la Fuente”, por un traballo sobre as orixes, formación, flora e fauna de Carreirón).

Juan Otero Maeztú, máis coñecido por Juanito de Luísa ou Juanito o do Nicho, foi o bardo por excelencia durante o século pasado na Arousa. Dotado de unha notable intelixencia crítica, de unha fina ironía, e de unha capacidade extraordinaria para versificar deixounos un puñado de coplas que nos mostran as grandezas e miserias da época e tamén o pouco que mudaron estas en tantos anos.

Nun libro de coplas de tradición oral recollidas, mecanografadas e ata decoradas con orlas por os alumnos de octavo nivel de Primaria do Colexio Público no curso 1980-81, aparecen varias atribuídas a Juanito de Luísa. Entre todas escollo esta que segue para ofrecerlla a todos os Pepitos presentes, pasados e futuros:

        San Julián Bendito,

que tan alto estás,

que “haiga”más Maestros

no consientas ya.


Aquí en este pueblo

sobra la instrucción,

“para pescar chopos

chéganos Ramón.”


En el Cabodeiro

el muelle da compasión

tiene Cada brecha

para tragarse un bocoy


Y los adoquines

por obra de Dios,

no hay “dorna polbeira”

que no tenga dos.