lunes, 29 de marzo de 2010

CAIXAS OU PANDEIROS?




A caixa é un instrumento de percusión. Os que tocan a caixa (ou tambor) reciben o nome de tamborileiros. Unha caixa non é un piano, que se pode tocar a catro mans. A caixa tócase con dous pali-troques que marcan o ritmo da canción.
A caixa tampouco é un pandeiro. O pandeiro tócase coa xema dos dedos ou cos cotelos.

Nos últimos meses véñense oíndo sons descompasados de caixas que chegan máis alá dos lindes do noso país.
Con tanto ruído de caixas acabarán facendo de todos nós un pandeiro.

Tamén hai Caixas de Aforros, que son galegas porque teñen a súa sede en Galicia, acollen os aforros de moitos galegos e desenvolven o seu labor social principalmente no noso país.
Sendo isto certo, non quero dicir que o atraso económico de Galicia se deba única e exclusivamente as nosas Caixas (decátese que por respecto o seu poder escribo o nome con maiúscula para non confundilas co tambor), que esquecéndose dos impositores invisten  en outros caladoiros.

É un axioma económico, que o diñeiro non coñece fronteiras.

Pero debemos destacar os grandes beneficios que a esta sociedade lle reportan as nosas Caixas, que fan que nos sintamos satisfeitos e moi honrados de contar con unhas entidades, que merecerían ser consideradas como ONGs:
Concédenche créditos co único aval do teu valor como persoa, cobran uns xuros por debaixo dos marcados no mercado (persoalmente estou pagando un 5,80%), non executan as hipotecas, axudan ós sectores máis innovadores da nosa economía, e ademais castigan ós seus directivos e amigos concedéndolles escasísimos cretos e a un alto interese(1%).

Ruído de caixas que nos estouran na cabeza e non nos deixan pensar, que algúns que defenden a fusión das dúas Caixas son os mesmos que agreden a nosa idiosincrasia ( que é o feito diferencial de ser galegos e non vacas leiteiras), como fan co mal chamado "bilingüismo".

Toquemos unha ou toquemos dúas Caixas non marcarán por moito tempo o ritmo da muiñeira. Prognostico que no primeiro dos casos non tardaremos moito en bailar todos ó ritmo do chotis e no segundo uns bailarán chotis e outros sardanas.

E en Galicia ó son do pandeiro cantaremos:

Este pandeiro que toco
por moito que repenique,
 non teñas medo que rache
que é de coiro de cacique. 



http://www.youtube.com/watch?v=hyC6ZJeIpU8

8 comentarios:

Anónimo dijo...

Aquí che vai o enlace ao youtube cantando Suso Vaamonde.

http://www.youtube.com/watch?v=hyC6ZJeIpU8

sito vazquez dijo...

Gracias,unha vez máis, na Arousa. Xa lle engadín o enlace.

Anónimo dijo...

Neste tema tamén hai unha estrofa que di "no balcón do Axuntamento hai un niño de carrizo, que se caga polo...".

Lémbrome unha vez, a ver si me fas a acordante, que ían a cantar este tema e ti retroucastes con sentido do humor:

-ben, agora esta estrofa xa non fai falla cantala.

¿Acórdaste?. Era unha festa ou acto con grupos musicais.

sito vazquez dijo...

Non me lembro das moitas parvadas que terei dito.
De todas maneiras eu prefiro que se caguen os carrizos, que os corvos e os buitres, que acontece máis a miudo.

Anónimo dijo...

Eu non lembraba isto coma unha parvada. Daquela a sintonía entre o goberno e o pobo era maior. A túa intervención fora pública, no palco, xunto a quen ía cantar ou xa cantara o tema, non recordo. E o público rira despois de escoitar as túas palabras. Ben, ese é o recordo que eu teño. Bo recordo por certo.

sito vazquez dijo...

Gracias, Na Arousa, por reescribir os carreiros que se borraron da miña memoria.
Por certo, vouche a pedir outro favor. Estou pensando en facer un xornal dixital da Illa, aberto e plural. Agradeceríache poder contar coa túa colaboración e se podes apuntarme os nomes de algunha xente que puidera estar interesada na tarefa, envíame un e-mail.

Anónimo dijo...

Eu enviar enviaba, mais non teño a túa dirección de correo. Tampouco penso que sexa moi prudente publicala no blog, salvo que teñas unha conta de correo para estas cousas e non che importe que teña acceso a ela todo o mundo co que iso pode significar. Ti verás. Eu como moito aconséllote que crees unha conta propia para o blog, e si se desmadra moito a cousa sempre a podes cambiar ou ben retirala, pero non publicaría a miña persoal.

Senhor Olvidado dijo...

Moi boa entrada!!!

Con ese toque poetico do tambor gañachesme, co que me gusta a min o folk galego....




http://ailladoreves.blogspot.com/