Era o 23 de Febreiro de 1981. Cando soa o timbre do teléfono acababan de dar as seis e media da tarde no reloxo da igrexa parroquial da Illa de Arousa. Estaba na trastenda da librería que rexentaban a miña muller e súa irmá. O outro lado do teléfono, un amigo, que me chama desde a capital da provincia para preguntarme que pensaba facer.
Diante da miña estrañeza pola pregunta cóntame que facía uns minutos que se acababa de producir un golpe de estado.
-Un tenente coronel da Guarda Civil entrou no Congreso empuñando unha pistola. Hai compañeiros que están pensando en largarse.
Eu era o alcalde de Vilanova de Arousa, aquel luns á tarde non fora ó concello, pois pensaba ver na televisión o discurso de Calvo Sotelo, xa investido como presidente. As seis comezou a votación da investidura. Como era nominal demoraba o seu tempo. Calculei que o discurso se produciría sobre as sete polo que non tiña prendido o televisor nin a radio.
Era tan grande o desinterese da poboación pola retransmisión da sesión, que cando me chama este compañeiro xa pasaran 10 minutos e no meu entorno ninguén tiña coñecemento do feito.
No discurso de presentación da candidatura do venres día 20 Calvo Sotelo anunciara concesións e chiscos de ollos os sectores descontentos. Pensei que a ameaza de un golpe de estado ( que eu non concibía na Europa dos oitenta), quedaba esconxurada.
Non me pasou pola cabeza fuxir. Pensei en aquel momento que non pasaría de unha intentona.
Mais tarde, atando cabos, decateime de perigo que corremos moitos demócratas.
Sen ter dado por ela entón, eu tiña información que me daría as claves de unha trama civil armada fornecida por contrabandistas da comarca.
Antes de pasar a publicar feitos que silenciei durante 30 anos, quería comentar como estaba a situación e como se chegara a profunda crise política que afectaba ó goberno do reino e ó partido que o sustentaba:
Calvo sotelo
Ruído de sables
O nove de abril de 1.977, (véspera do domingo de Pascua), é legalizado o PCE (o temido partido comunista), indo o goberno de Adolfo Suárez máis alá do que o poder militar estaba disposto a asumir. O consello superior do Exército móstrase desconforme, aínda que di acatar a legalización. A partir de esas datas os sectores máis retrógrados comezan a mobilizarse, co fin de facer fracasar a transición democrática. No mes de outubro de 1978 descóbrese a Operación Galaxia, que estaba preparando un intento golpista.
Ruxerruxe de sotanas.
Outro dos poderes fácticos que en parte se mostraba en desacordo co decorrer da transición democrática era a Igrexa Católica, que se manifestaba a través dos medios que controlaba e a veces utilizando os púlpitos.
Cara al sol.
Vellos falanxistas e os seus delfíns e achegados fan unha labor de zapa para desprestixiar os avances democráticos (Guerrilleros de Cristo Rey, Fuerza Nueva e outros grupos de extrema dereita) cometen accións terroristas ou intimidatorias.
ETA, bota unha man.
O terrorismo de ETA rexeita o proceso de democratización e acentúa a súa actividade, desestabilizando o proceso e aproveitándose da tensión mediática que xera.
A UCD, un niño de víboras.
A Unión de Centro Democrático, partido que sostén o goberno de Adolfo Suárez era un conglomerado que aglutinaba en torno ó poder a antigos franquistas reformistas, tecnócratas, conservadores demócratas, liberais e ata socialdemócratas. Era un partido de intereses, sen ideoloxía definida. As tensións que premían o goberno ían posicionando a súa militancia e esnaquizando ó partido, enfrontándose as diferentes sensibilidades provocando dimisións, ceses e cambios de goberno.
O PSOE, aperta.
Diante da crise de goberno e de unha situación económica grave o Partido Socialista promove en maio de1980 unha moción de censura contra Adolfo Suárez. Ainda que supera a moción, a debilidade do Presidente do Goberno diante dos seus é clamorosa.
O descontento de grandes sectores do Exército e da Igrexa é meridiano, os seus medios e os afíns, que eran a maioría, intoxican á opinión pública. En Xaneiro de 1981, Adolfo Suárez vese forzado a dimitir como Presidente do Goberno.
O mes de febreiro vai a ser de frenética actividade por parte de todos aqueles que intentan trabar o proceso democrático. Os xornais de extrema dereita publican artigos claramente golpistas, ETA reta ó Goberno con asasinatos e secuestros, os deputados de Herri Batasuna abucinan os Reis en Guernica...
Co fondo de este asfixiante panorama que expoño procédese a substitución de Adolfo Suárez. Despois de un congreso extraordinario a UCD, propón como candidato a Leopoldo Calvo Sotelo. A sesión de investidura vaise celebrar o día 20 de febreiro.
Pensábase que Calvo Sotelo, podía ser o remedio para atallar a situación por tratarse de un político
máis conservador, procedente de unha familia de políticos de dereitas entre os que destacaba seu tío José, Ministro de Facenda na ditadura de Primo de Rivera e considerado polo franquismo o primeiro mártir do Movimento. O Candidato tiña sona de prudente e con boas relacións co Exército e coa Igrexa.
Moitos pensamos, despois de escoitar o discurso de Calvo Sotelo, que a viraxe a dereita era tan notoria que calmaría os exaltados ánimos dos nostálxicos golpistas.
Na madrugada do día 24 de febreiro estaba rodeado de amigos, que se congregaran na miña casa mentres outros facían rondas controlando os movementos de entrada nos peiraos e tamén as casas de algúns coñecidos fascistas. Catro barcos estaban preparados para fuxir en canto se concretase un perigo real. A primeiras horas da noite un ruidoso grupo de mulleres baixou pola Torre (A rúa que baixaba da Igrexa ó centro do pobo) berrando. Ó pasar por diante da casa dos meus sogros ameazaron “¡O teu xenro vai ser o primeiro! ¡Porco, comunista!”
Non me preocupei, sabía que no peor dos casos, sen recibir axudas de afora non se atreverían a meterse comigo. Máis de un 80% do electorado votáranme nas eleccións municipais. Sabía que era algo máis que un home, en aquel momento convertéronme en un símbolo. Esta seguridade, despois das tensións, fixo que á medianoite caira rendido polo sono. A unha e un cuarto alguén me despertou: “Está falando o Rei”.
Os amigos fóronse indo o longo da madrugada. As cinco cando se rende a facción do exército sublevada vanse os últimos.
Durmín unhas horas e funme para Vilanova na motora de pasaxe das nove. A pesar de que era martes, día de mercado en Vilagarcía, viaxaba pouco xente. Algúns comentaron que ouviran dicir que tiña fuxido en un barco e outros sobrevaloraban o meu valor, coa típica expresión xenital.
A TRAMA CIVIL.
Os acontecementos que vou relatar vannos a levar a conclusión de que existía unha trama civil que dispoñía de armas e que estaba encargada de eliminar no primeiro momento os elementos considerados perigosos.
O Bar Santos:
As chamadas forzas vivas de Vilanova (Villanueva de Arosa o de los Mercedes), seguíanse reunindo no Bar Santos, que para o caso era o único bar que pola situación e polos servizos que dispoñía merecía a aprobación da burguesía. Inda que tamén era un bar popular, que ofrecía o mellor albariño de colleita (nese mesmo ano un viño da súa adega levou o primeiro premio da Festa do Albariño) e unhas suculentas tapas preparadas pola muller de Benito, o propietario, que era unha excelente cociñeira. Entre os médicos, directores de centros de ensino, conserveiros, armadores,empregados de banca e tamén algún contrabandista, á hora do aperitivo non faltaba o propietario da motora de pasaxe da Illa de Arousa.
A maioría de estes seareiros do bar Santos eran declarados franquistas. Na noite do día 23 reuníronse no reservado e consumiron mais alcol do habitual e varias follas de caderno.
O día 24 erguinme cedo e ás nove e media da mañá estaba no concello. Entre os funcionarios houbo un murmurio, pero ningún me fixo preguntas persoais. Notei certa solidarizade en moitos de eles.
Ás dúas e media da tarde cando regresaba do concello a pé, como facía habitualmente, para coller a motora de pasaxe que me levaba a illa de Arousa adiantei o propietario que acababa de saír do bar e encamiñábase á motora ranqueando, pois tiña unha leve coxeira e trinta anos máis ca min.
Tiñamos unha relación tensa desde o verán anterior, que tivo que retirar unha suba ilegal dos prezos da pasaxe por denuncia da Confraría e do Concello.
Paseino sen saudar, e cando le levaba sacados uns oito ou dez metros ouvín que alguén me chamaba “cornudo!”. Virei en redondo e vin que na rúa a aquela hora non había máis ninguén que nos os dous. Parou a uns cinco metros de min.
_Que lle pasa?- díxenlle en un reto
Estaba vermello cos ollos inxectados, pensei que podía estar algo bébedo.
Ollándome con cara de desprezo levantou a ma dereita co puño fechado e o dedo índice estendido como se fose unha navalla pasouna polo pescozo o tempo que cuspía unha ameaza:
_Desta salvácheste! Pero estás na lista. -E mostroume un papel que levaba no bolso da chaqueta.
Eu dei media volta é díxenlle:
_Pola memoria de seu pai, cale a boquiña!...
O pai fora fusilado polos falanxistas da illa de Arousa no ano 1936, por o delito de facer unha viaxe extraordinaria con un deputado socialista nos anos da República.
Descarga de armas no Terrón.
No mes de decembro de 1980, arredor das festas do Nadal estaba comigo no despacho da alcaldía do concello un mozo que vivía das “descargas”. Tiña boa relación persoal con el e comentábame de
que ían as descargas, que en esta época eran esencialmente de tabaco e algo de hachis.
Aquel día comentoume que o mes anterior participara en unha descarga de armas na praia do Terrón.
_Escolleron os máis fortes. Non lle importaba con quen traballaras.
Díxome os que foran de cada clan. Eran oito en total e pertencían a tres clans distintos de contrabandistas.
Escoitábao con un certo escepticismo pois parecíame unha imprudencia que co ben que lle ía ós tres contrabandistas que me tiña nomeado, agora se fosen a complicar a vida con unha mercadoría de moito máis risco.
_Pero, dixéronche que eran armas? Pregunteille estrañado
_O contrario. Dixéronnos, que si isto se sabía pola boca de algún de nós que pagaríamos todos. Eran caixas de madeira de uns cincuenta quilos que transportamos por parellas. Un escorregou nun con, que estaba mollado e caeu a caixa e rolos polo con e bateu nunha pedra e abriuse. Eran fusiles moi modernos.
Sorprendeume que fosen fusiles, pois eu pensaba que o contrabando de armas en países en paz era de pistolas. Logo contoume que os cargaran en dous land rover e que os descargaran en Cambados no Centro Parroquial.
_Ti estás seguro do que dis, rapaz?. Pregunteille incrédulo.
_Seguro, estaba alí o cura!
_Víchelo cos teus ollos?
_Vin...pero se cadra como era de noite e tiñan as luces apagadas...Eu que sei?. Anque había bastante claridade da lúa.
Cando se foi freguei os ollos como si sufrise unha alucinación e dixen para min. “Isto é unha tolería, este rapaz estase quedando comigo.”
O Párroco de Cambados e o xeneral Armada.
Era público en toda a comarca do Salnés que o cura de Cambados tiña boas relacións cos máis importantes contrabandistas. Non era o único, os contrabandistas eran xenerosos coas parroquias.
Tamén se comentaba que simpatizaba con ideoloxías de extrema dereita.
O xeneral Armada tamén simpatizaba coa dereita máis radical. Foi cesado en 1977, como secretario xeral da Casa Do Rei, por pedir o voto para a Alianza Popular utilizando o selo real.
O xeneral Armada tiña moitos amigos en Galicia militantes de AP. Entre eses militantes había destacados contrabandistas da comarca.
O xeneral Armada é parente dos Gil Armada (Pazo de Fefiñáns) de Cambados vila que visitaba todos os veráns e entre os seus amigos estaba o cura .
O xeneral Armada era o “Tapado” do fallado golpe.
Parte de estes datos coñecinos bastante máis tarde. Velaí que tardase en ver a relación que podía haber entre o intento de golpe de estado e o, para min inexplicable (en aquel momento) contrabando de armas de guerra.
Agora fagámonos unha pregunta:
Para quen eran as armas? (Para o exército, non, que xa as tiña)
No hay comentarios:
Publicar un comentario