Mostrando entradas con la etiqueta Historia. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Historia. Mostrar todas las entradas

sábado, 14 de abril de 2012

ANIVERSARIO


   Si a Segunda República fose unha muller hoxe estaría de aniversario. Exactamente hoxe 14 de abril de 2012 cumpriría 81 anos, dous anos menos do que a media de vida de calquera muller española contemporánea (da súa quinta).

   Non lle deron opción a contribuír a mellorar a lonxevidade das españolas, pois ós cinco anos comezaron a torturala e antes de cumprir os oito xa a tiñan enterrada, mesmo aqueles que lles importaba (impórtalles) máis a vida dos non natos que a de tantas criaturas que morreron, ou mellor dito, mataron.

   Hai moitas maneiras de matar. De fame, de vergoña, de contaxio, de sucidade, de falta de atención ou de cariño, de malos tratos...Estoume referindo a estas formas de aniquilar ó ser humano. Inda que non faltan casos de mulleres preñadas e de criaturas que foron asasinadas por esa caste de españois que non aceitan que os que non pensan coma eles teñan sequera dereito a vivir.
(En este intre venme a cabeza a imaxe de Miguel Hernández escribíndolle o seu fillo as nanas)

Que estas chuvias de abril que acabaron con tanta seca fagan brotar esa flor tricolor, para que as súas sementes igualdade, fraternidade e solidariedade aniñen con ilusión e alegría no corazón dos españois.  

martes, 12 de abril de 2011

XENERACIÓN PERDIDA (Na memoria de Pacheco)


Foise. Pero xa non estaba.
Foise de un xeito tráxico, purificado polas chamas. Pero xa non estaba.

Cando aínda estaba era un mozo calado, pero agradable no trato, ben falado, con un toque de timidez, pero que non chegaba a ser introvertido. Diría que era prudente nas súas manifestacións.

Van alá máis de vinte anos que José Francisco era e tamén estaba.
De un tempo a esta parte foise indo dos veciños, dos amigos, da familia. Meteuse dentro de si coma un caracol na súa cuncha. No dicir da xerga dos seus colegas ”estaba pa alá”.
Andaba coa ollada perdida no ningures.
As varandas da ponte da Arousa contaban os seus paseos cotiás.

Fóisenos. Pero xa non estaba.
Fóronse indo todos, marcados por un final lúgubre.
Da foto do equipo de futbito so quedan tres.
Tamén teño na memoria outros que se foron e non están na foto. Eran de Vilanova.
♠ ♠ ♠
Pero tamén se foro de O Grove, de Cambados, da Arousa, de Vilagarcía, de Vilaxoán, coma P.
P. vivía cos avós, seus pais emigraran a Alemaña.
Unha tarde chegaron a Alcaldía do Concello de Vilanova dous vellos, a beira dos setenta anos, eran os avós de P. (O Concello dispoñía do primeiro e único centro público de rehabilitación e de axuda ós drogodependentes: ADRO).

O vello tomou a palabra e púxome en situación:
-...Ó primeiro tirábanos o diñeiro da carteira, despois, cando demos por agachalo perece que o cheiraba e sempre daba co sitio. Logo empezaron a desaparecer as cousas, a radio, o tocadiscos que lle regalaron os pais, os reloxos, a televisión...Cando xa non quedaba nada que levar, pasou a esixirnos cartos. ¡Poñíase feito un tolo! Non tiñamos máis remedio que darllo.¡Chegou a poñernos as mans encima!...
A vella asentía pero quixo defender o neto:
-Agarrounos e abaneounos pero non nos golpeou.
  • Onte - proseguiu o vello-, chegou feito unha furia esixíndolle a avoa 5.000.-pesetas, como
  • se negou, pois andamos sen diñeiro, colleu unha tixola con aceite e púxoa o lume, cando estaba a ferver agarrou a vella polo peito, obrigouna a sentar nunha cadeira e ameazouna con envorcarlle o aceite na cabeza. Eu acudín os gritos...Non puido conter a emoción parou o relato e fixo que limpaba os mocos, xesto que aproveitou para enxugar unhas bágoas que levaban tempo brillando nos ollos e puxando por caer.
  • Tiña agarrada con unha man polos cabelos e coa outra sostiña a tixola. “Ou me das os cartos ou envórcolle o aceito pola cabeza a túa muller”.
  • ¡Non te atreverás!
    A muller beixou unha media que tapaba unhas vendas que cubrían as bochas producidas polo aceite derramado.
  • Tiven que pedir os mil pesos que eu non os tiña.
♠ ♠ ♠
A epidemia tamén chegou a outra banda da ría, o Barbanza, e os pobos do interior do Salnés. A Ribadumia,a Caldas, a Moraña. De Moraña era E.
Tiña trinta  e poucos anos, unha vida montada, era policía nacional e tiña unha moza bonita e con formación. E. foi separado do “corpo de seguridade do estado”. Levaba case dous anos en rehabilitación. Cando me confesou o que segue foi un mes antes de volver a ingresar no “corpo”:
-Estou seguro, levo máis de un ano limpo, sen meterme nada. Pero hei de recoñecer, que todas as noites o último pensamento antes de durmir non é para M. (a súa moza), que é para “ela”
-¿Para a heroína?
Asentiu
Un ano máis tarde volvera a caer no “cabalo”

Fóronsenos moitos, os máis arriscados, enrolados nunha rede de ignorancia e de prexuízos, que pescou en todos os portos da ría. 
Non so en Vilanova.

miércoles, 23 de febrero de 2011

FIXO HOXE 30 ANOS. O 23 F NO SALNÉS, A TRAMA CIVIL?

Era o 23 de Febreiro de 1981. Cando soa o timbre do teléfono acababan de dar as seis e media da tarde no reloxo da igrexa parroquial da Illa de Arousa. Estaba na trastenda da librería que rexentaban a miña muller e súa irmá. O outro lado do teléfono, un amigo, que me chama desde a capital da provincia para preguntarme que pensaba facer.
Diante da miña estrañeza pola pregunta cóntame que facía uns minutos que se acababa de producir un golpe de estado.
-Un tenente coronel da Guarda Civil entrou no Congreso empuñando unha pistola. Hai compañeiros que están pensando en largarse.
Eu era o alcalde de Vilanova de Arousa, aquel luns á tarde non fora ó concello, pois pensaba ver na televisión o discurso de Calvo Sotelo, xa investido como presidente. As seis comezou a votación da investidura. Como era nominal demoraba o seu tempo. Calculei que o discurso se produciría sobre as sete polo que non tiña prendido o televisor nin a radio.
Era tan grande o desinterese da poboación pola retransmisión da sesión, que cando me chama este compañeiro xa pasaran 10 minutos e no meu entorno ninguén tiña coñecemento do feito.
No discurso de presentación da candidatura do venres día 20 Calvo Sotelo anunciara concesións e chiscos de ollos os sectores descontentos. Pensei que a ameaza de un golpe de estado ( que eu non concibía na Europa dos oitenta), quedaba esconxurada.
Non me pasou pola cabeza fuxir. Pensei en aquel momento que non pasaría de unha intentona.
Mais tarde, atando cabos, decateime de perigo que corremos moitos demócratas.
Sen ter dado por ela entón, eu tiña información que me daría as claves de unha trama civil armada fornecida por contrabandistas da comarca.
Antes de pasar a publicar feitos que silenciei durante 30 anos, quería comentar como estaba a situación e como se chegara a profunda crise política que afectaba ó goberno do reino e ó partido que o sustentaba:

                                                                Calvo sotelo

Ruído de sables
O nove de abril de 1.977, (véspera do domingo de Pascua), é legalizado o PCE (o temido partido comunista), indo o goberno de Adolfo Suárez máis alá do que o poder militar estaba disposto a asumir. O consello superior do Exército móstrase desconforme, aínda que di acatar a legalización. A partir de esas datas os sectores máis retrógrados comezan a mobilizarse, co fin de facer fracasar a transición democrática. No mes de outubro de 1978 descóbrese a Operación Galaxia, que estaba preparando un intento golpista.

Ruxerruxe de sotanas.
Outro dos poderes fácticos que en parte se mostraba en desacordo co decorrer da transición democrática era a Igrexa Católica, que se manifestaba a través dos medios que controlaba e a veces utilizando os púlpitos.

Cara al sol.
Vellos falanxistas e os seus delfíns e achegados fan unha labor de zapa para desprestixiar os avances democráticos (Guerrilleros de Cristo Rey, Fuerza Nueva e outros grupos de extrema dereita) cometen accións terroristas ou intimidatorias.

ETA, bota unha man.
O terrorismo de ETA rexeita o proceso de democratización e acentúa a súa actividade, desestabilizando o proceso e aproveitándose da tensión mediática que xera.

A UCD, un niño de víboras.
A Unión de Centro Democrático, partido que sostén o goberno de Adolfo Suárez era un conglomerado que aglutinaba en torno ó poder a antigos franquistas reformistas, tecnócratas, conservadores demócratas, liberais e ata socialdemócratas. Era un partido de intereses, sen ideoloxía definida. As tensións que premían o goberno ían posicionando a súa militancia e esnaquizando ó partido, enfrontándose as diferentes sensibilidades provocando dimisións, ceses e cambios de goberno.

O PSOE, aperta.
Diante da crise de goberno e de unha situación económica grave o Partido Socialista promove en maio de1980 unha moción de censura contra Adolfo Suárez. Ainda que supera a moción, a debilidade do Presidente do Goberno diante dos seus é clamorosa.

O descontento de grandes sectores do Exército e da Igrexa é meridiano, os seus medios e os afíns, que eran a maioría, intoxican á opinión pública. En Xaneiro de 1981, Adolfo Suárez vese forzado a dimitir como Presidente do Goberno.
O mes de febreiro vai a ser de frenética actividade por parte de todos aqueles que intentan trabar o proceso democrático. Os xornais de extrema dereita publican artigos claramente golpistas, ETA reta ó Goberno con asasinatos e secuestros, os deputados de Herri Batasuna abucinan os Reis en Guernica...
Co fondo de este asfixiante panorama que expoño procédese a substitución de Adolfo Suárez. Despois de un congreso extraordinario a UCD, propón como candidato a Leopoldo Calvo Sotelo. A sesión de investidura vaise celebrar o día 20 de febreiro.
Pensábase que Calvo Sotelo, podía ser o remedio para atallar a situación por tratarse de un político
máis conservador, procedente de unha familia de políticos de dereitas entre os que destacaba seu tío José, Ministro de Facenda na ditadura de Primo de Rivera e considerado polo franquismo o primeiro mártir do Movimento. O Candidato tiña sona de prudente e con boas relacións co Exército e coa Igrexa.
Moitos pensamos, despois de escoitar o discurso de Calvo Sotelo, que a viraxe a dereita era tan notoria que calmaría os exaltados ánimos dos nostálxicos golpistas.

Na madrugada do día 24 de febreiro estaba rodeado de amigos, que se congregaran na miña casa mentres outros facían rondas controlando os movementos de entrada nos peiraos e tamén as casas de algúns coñecidos fascistas. Catro barcos estaban preparados para fuxir en canto se concretase un perigo real. A primeiras horas da noite un ruidoso grupo de mulleres baixou pola Torre (A rúa que baixaba da Igrexa ó centro do pobo) berrando. Ó pasar por diante da casa dos meus sogros ameazaron “¡O teu xenro vai ser o primeiro! ¡Porco, comunista!”
Non me preocupei, sabía que no peor dos casos, sen recibir axudas de afora non se atreverían a meterse comigo. Máis de un 80% do electorado votáranme nas eleccións municipais. Sabía que era algo máis que un home, en aquel momento convertéronme en un símbolo. Esta seguridade, despois das tensións, fixo que á medianoite caira rendido polo sono. A unha e un cuarto alguén me despertou: “Está falando o Rei”.
Os amigos fóronse indo o longo da madrugada. As cinco cando se rende a facción do exército sublevada vanse os últimos.
Durmín unhas horas e funme para Vilanova na motora de pasaxe das nove. A pesar de que era martes, día de mercado en Vilagarcía, viaxaba pouco xente. Algúns comentaron que ouviran dicir que tiña fuxido en un barco e outros sobrevaloraban o meu valor, coa típica expresión xenital.

A TRAMA CIVIL.
Os acontecementos que vou relatar vannos a levar a conclusión de que existía unha trama civil que dispoñía de armas e que estaba encargada de eliminar no primeiro momento os elementos considerados perigosos.

O Bar Santos:
As chamadas forzas vivas de Vilanova (Villanueva de Arosa o de los Mercedes), seguíanse reunindo no Bar Santos, que para o caso era o único bar que pola situación e polos servizos que dispoñía merecía a aprobación da burguesía. Inda que tamén era un bar popular, que ofrecía o mellor albariño de colleita (nese mesmo ano un viño da súa adega levou o primeiro premio da Festa do Albariño) e unhas suculentas tapas preparadas pola muller de Benito, o propietario, que era unha excelente cociñeira. Entre os médicos, directores de centros de ensino, conserveiros, armadores,empregados de banca e tamén algún contrabandista, á hora do aperitivo non faltaba o propietario da motora de pasaxe da Illa de Arousa.
A maioría de estes seareiros do bar Santos eran declarados franquistas. Na noite do día 23 reuníronse no reservado e consumiron mais alcol do habitual e varias follas de caderno.

O día 24 erguinme cedo e ás nove e media da mañá estaba no concello. Entre os funcionarios houbo un murmurio, pero ningún me fixo preguntas persoais. Notei certa solidarizade en moitos de eles.
Ás dúas e media da tarde cando regresaba do concello a pé, como facía habitualmente, para coller a motora de pasaxe que me levaba a illa de Arousa adiantei o propietario que acababa de saír do bar e encamiñábase á motora ranqueando, pois tiña unha leve coxeira e trinta anos máis ca min.
Tiñamos unha relación tensa desde o verán anterior, que tivo que retirar unha suba ilegal dos prezos da pasaxe por denuncia da Confraría e do Concello.
Paseino sen saudar, e cando le levaba sacados uns oito ou dez metros ouvín que alguén me chamaba “cornudo!”. Virei en redondo e vin que na rúa a aquela hora non había máis ninguén que nos os dous. Parou a uns cinco metros de min.
_Que lle pasa?- díxenlle en un reto
Estaba vermello cos ollos inxectados, pensei que podía estar algo bébedo.
Ollándome con cara de desprezo levantou a ma dereita co puño fechado e o dedo índice estendido como se fose unha navalla pasouna polo pescozo o tempo que cuspía unha ameaza:
_Desta salvácheste! Pero estás na lista. -E mostroume un papel que levaba no bolso da chaqueta.
Eu dei media volta é díxenlle:
_Pola memoria de seu pai, cale a boquiña!...
O pai fora fusilado polos falanxistas da illa de Arousa no ano 1936, por o delito de facer unha viaxe extraordinaria con un deputado socialista nos anos da República.

Descarga de armas no Terrón.
No mes de decembro de 1980, arredor das festas do Nadal estaba comigo no despacho da alcaldía do concello un mozo que vivía das “descargas”. Tiña boa relación persoal con el e comentábame de
que ían as descargas, que en esta época eran esencialmente de tabaco e algo de hachis.
Aquel día comentoume que o mes anterior participara en unha descarga de armas na praia do Terrón.
_Escolleron os máis fortes. Non lle importaba con quen traballaras.
Díxome os que foran de cada clan. Eran oito en total e pertencían a tres clans distintos de contrabandistas.
Escoitábao con un certo escepticismo pois parecíame unha imprudencia que co ben que lle ía ós tres contrabandistas que me tiña nomeado, agora se fosen a complicar a vida con unha mercadoría de moito máis risco.
_Pero, dixéronche que eran armas? Pregunteille estrañado
_O contrario. Dixéronnos, que si isto se sabía pola boca de algún de nós que pagaríamos todos. Eran caixas de madeira de uns cincuenta quilos que transportamos por parellas. Un escorregou nun con, que estaba mollado e caeu a caixa e rolos polo con e bateu nunha pedra e abriuse. Eran fusiles moi modernos.
Sorprendeume que fosen fusiles, pois eu pensaba que o contrabando de armas en países en paz era de pistolas. Logo contoume que os cargaran en dous land rover e que os descargaran en Cambados no Centro Parroquial.
_Ti estás seguro do que dis, rapaz?. Pregunteille incrédulo.
_Seguro, estaba alí o cura!
_Víchelo cos teus ollos?
_Vin...pero se cadra como era de noite e tiñan as luces apagadas...Eu que sei?. Anque había bastante claridade da lúa.
Cando se foi freguei os ollos como si sufrise unha alucinación e dixen para min. “Isto é unha tolería, este rapaz estase quedando comigo.”

O Párroco de Cambados e o xeneral Armada.
Era público en toda a comarca do Salnés que o cura de Cambados tiña boas relacións cos máis importantes contrabandistas. Non era o único, os contrabandistas eran xenerosos coas parroquias.
Tamén se comentaba que simpatizaba con ideoloxías de extrema dereita.
O xeneral Armada tamén simpatizaba coa dereita máis radical. Foi cesado en 1977, como secretario xeral da Casa Do Rei, por pedir o voto para a Alianza Popular utilizando o selo real.
O xeneral Armada tiña moitos amigos en Galicia militantes de AP. Entre eses militantes había destacados contrabandistas da comarca.
O xeneral Armada é parente dos Gil Armada (Pazo de Fefiñáns) de Cambados  vila que visitaba todos os veráns e entre os seus amigos estaba o cura .
O xeneral Armada era o “Tapado” do fallado golpe.
Parte de estes datos coñecinos bastante máis tarde. Velaí que tardase en ver a relación que podía haber entre o intento de golpe de estado e o, para min inexplicable (en aquel momento) contrabando de armas de guerra.

Agora fagámonos unha pregunta:
Para quen eran as armas? (Para o exército, non, que xa as tiña)

miércoles, 28 de octubre de 2009

O MISTERIO DE PORTUGAL

A Escola Pública dos nenos de Bamio estaba no alto de San Xoán, mesmo debaixo da capela do santo. Antes foi a taberna do Cuncheiro. Era un edificio de pranta baixa, co teito furado e apuntalado, que nos días de choiva había que recoller as pingueiras en gabidos.

Cando entendín que os mapas eran como debuxos de cachos de terra, xa levaba algún tempo asistindo a Escola Nacional, a escola de "Donalfonso"- Todos lle chamábamos así, ata doña Marujita, a súa dona, cando se refería a el dicía "llévale este paquete de tizas a Donalfonso".

As paredes da escola foron perdendo a cor branca do cal e collendo unha ferruxe cinza-verdosa provocada pola humidade.
Pendurados das paredes estaban: O crucifixo co crucificado e debaixo o "Generalísimo" engalanado con capa imitando un retrato de Luís XIV, detrás da cadeira do profesor, entre as dúas xanelas que iluminaban a aula. Nas paredes de ambos os dous lados había catro mapas: Un de España político, outro de España físico, un de Europa e un mapamundi.
Cando entrabamos o profesor estaba arrimado á folla da porta. Os alumnos ó entrar tiñamos que saudar con esta cantadeira: -"Ave María Purísima, buenos días como está usted" A maioría das veces so dicíamos:"...tá usté", pois o mestre non se decataba. Pero aquel día decatouse e díxome:
-Vázquez García, salga y después vuelva a entrar.
Saín e entrei recitando toda a oración.
-Ahora se quedará en pie hasta la hora del recreo mirando a la pared.
O mapa de España político estaba fronte os meus ollos, que tiveron hora e media para escrutalo: Era un mapa con dous remendos: nun estaban as illas Canarias e no outro un recadro que dicía: Mapa Político de España, e unha serie de sinais de cores con unha lenda: escala, fronteras... Cada rexión tiña un borde de unha cor apagada, que con menos grosor tamén dividía as provincias que a conformaban. En branco estaban dúas partes. Unha arriba, que poñía Francia e outra a esquerda que en sentido vertical se lía Portugal. Sorprendeume a rareza de que todos os nomes estivesen escritos horizontalmente menos o de Portugal.
Pero o que máis me sorprendía era o baleiro que estaba aquel cacho de mapa.
Aquel mapa era a foto de España, dicíao na lenda: MAPA DE ESPAÑA.
Pero aquela parte semellaba como que estaba núa, sen cores. Cando o mestre mandou pórse en pé para cantar o "caralsol" antes de saír ó recreo houben de retirarme un pouquiño para que non batese o meu brazo levantado na parede.
A nova perspectiva doume a idea de que España era unha cabeza e a parte branca era a cara, co seu nariz e co seu queixo.
Cando máis tarde soube que Portugal non era España non cheguei a comprender como poñendo en todos mapas " mapa de España" unha parte non o fose. Precisamente a cara. Como podían saber si era España, si na foto non saía máis co contorno da cara. Cabía a dúbida de que España non fose España.

Os "Portugueses" eran dous serradores que cada outono se deixaban caer pola parroquia, onde permanecían un tempo serrando madeira de castaño de carballo ou de piñeiro que se utilizaban para cerramentos e pisos.
Eran dous cuñados que me seducían porque falaban con un sotaque exquisito e porque tamén gostaba da súa estrana maneira de serrar: un estirado encima do tres pés e outro encollido debaixo, tirando da serra.
Dende ben pequeno eu coñecía ós "Portugueses", como coñecía a Darío, o afiador, a Manuela e Maximiños, os paneiros, Ó Rabiso, o tratante de gando, á Valladares, o fogueteiro, a Serafín, o fragueiro, a Hermóxenes, o perito agrimensor... E outra xente que non eran veciños, pero que de vez en cando se mesturaban coa paisaxe humana da aldea ofrecendo os seus servizos.
Foi entón cantando cara o mapa sin cara o "caralsol" sin sol, cando me decatei que os de Portugal non eran "portugaleses". Encendéuseme a luciña. Ós serradores chamábanlle os Portugueses, porque eran de Portugal. Tamén os coñeciamos coma os "serradores" e os tiralá, pois cando lle preguntabamos porque falaban raro, referíndonos o seu soteque, contestaban: "A xente tira lá".