miércoles, 25 de mayo de 2011

CONCELLEIROS NAS FAUCES DOS LEÓNS.



Mandaron ós gladiadores a loitar na area do circo contra os esbirros do emperador. Poucos lograron saír vivos. Os poucos que o lograron agora están os pés dos leóns.

Estoume a referir, como ti, intelixente lector te imaxinas os concelleiros do BNG e do PSOE, que resistiron a forza da xurrada azul, e manteñen posibilidades de formar goberno de coalición, por sumar máis concelleiros que o PP. E o caso de Vigo e de Pontevedra, pero tamén o de moitos outros concellos de Galicia, pequenos concellos nos que todos se coñecen e nos que é fácil chantaxear ou comprar vontades.

Estoume a referir tamén ós secretarios xerais dos socialistas e dos nacionalistas (portavoz nacional), abocados a entenderse e a tratar de mandar mensaxes de entendemento ós progresistas galegos, que son máis dos que eles pensan, e que se manifestarían nas urnas se visen que por encima dos intereses da súa tribo, están os intereses xerais de Galicia.

Estes dous señores tiñan que presentarse na mesma noite electoral, unha vez coñecidos os resultados, diante da cidadanía galega mandando unha mensaxe de unidade, con unha vontade inequívoca de alcanzar un pacto para todos os concellos nos que tivesen posibilidade de gobernar.

A decisión de deixalo ó libre albedrío de cada agrupación, demostra unha falta de coñecemento da realidade galega, que os descualifica como máximos responsables, por non prever as consecuencias.

Pensan o señor Pachi Vázquez e o señor Guillerme Vázquez, que os concelleiros son uns heroes, capaces de enfrontarse as presións, ameazas, intimidacións e chantaxes que van a sufrir por parte dos que xa foron capaces de facer que se retirasen candidatos das listas electorais, cando non tiñan máis capacidade que a de atraer uns votos?

Un pacto cubriría as costas dos concelleiros electos, pois por encima tiñan unha cobertura que apuntalaba a súa postura: “son acordos do partido”.

Eu sei que o día 11 de Xuño, lamentarán non ter formulado este acordo.

Os concelleiros que resistan o embate e logren librarse das fauces do león, haberá que consideralos uns heroes.
Levantemos o polgar por eles.    


4 comentarios:

Manu dijo...

Esas declaracións corresponden ao voso secretario xeral, Pachi Vázquez. Si o voso secretario xeral renuncia a un acordo de país será problema voso. Por outra banda, tes pouca confianza na madurez dos concelleiros. As dificultades do psoe para chegar a acordos foron regadas a aboadas con moito celo. Agora temos enriba un problema gordo. Xa veremos como se arranxa. Igual non convén publicar todo canto se nos vai ocorrendo.

sito vazquez dijo...

Eu xa calo moito máis do que debería.
En canto a madurez dos concelleiros, non teño porque dubidar de ela. Pero coma os raposos, sei máis por vello que por raposo e como xa vin a man longa que ten esta xente e a falta de escrúpulos e de todo tipo de ética, sei que moitos o van a pasar mal e algúns van ser devorados.
O tempo.
Por darche a razón unha vez máis, foi o clarividente secretario xeral do PSdeG-PSOE o primeiro en lanzalos as areas do circo.
grazas polo comentario.

Manu dijo...

Non estou de acordo. A falla de disposición a acordo é previa aos resultados, froito de tres lexislaturas de escaso entendemento, e deixémolo aí. Neste tempo tamén houbo falla de comunicación do Concello co pobo, nin unha asemblea veciñal, nin unha explicación. Así se explica que coa inversión que houbo haxa tal descontento, aínda que tamén hai que dicir, que as prioridades non eran as que demandaba o pobo nin as que se necesitaban, seguimos sen porto, sen centro de saúde, sen pavillón, sen local dos vellos, sen centro de día... Tamén é verdade que a herdanza que deixastes... (aí che vai un pequeno tirón de orellas, non o tomes a mal). Igual hai que ir andando na outra dirección, e aí o psoe tamén ten que mover ficha. Imos vendo o que vai pasando.

sito vazquez dijo...

Para saber o que se andou, hai que previamente ver de onde partimos. Teño 67 anos e só quero que cando proceda me incineren e deiten as cinzas onde non contaminen. Non me interesan placas nin galardóns, só me importa estar de acordo comigo mesmo e co meu pasado.
De cara o futuro gostaríame deixarvos un mundo máis limpo, máis puro, en todos os aspectos, tanto ecolóxicos como sociais.
Non é un testamento e simplemente un desexo.
Sóbrache intelixencia para entender a metáfora.