lunes, 23 de mayo de 2011

NO DÍA SEGUINTE: MAREA AZUL NO SALNÉS

As veces búscanse escusas ou xustificacións que non teñen fundamento real. 
Diante da enchente azul que desbordou as praias do Salnés, deixando a tremer edificios tan sólidos coma o concello da Illa de Arousa, os prexudicados tratan de explicarnos o porque da súa derrota.
Hai que renderse á evidencia, por poucos ou por moitos votos o PP gañou en todos os municipios do Salnés.
Aínda que en cada municipio hai que darlle distinta lectura.
No Grove e na Illa os partidos progresistas acadaron máis votos que os conservadores e están en condicións de poder gobernar, nos restantes concellos gobernará o PP.
Falando de xustificacións, escoitei esta mañá a un responsable comarcal do PSOE, dicir que o paro lle pasara factura. Pois non acabo de explicarme porque o paro lle pasou factura a el e non ó alcalde do Grove, que é o concello (con Vilanova) con máis paro. Tampouco lla pasou ó alcalde de Vigo, con bastante máis desemprego.
Ademais o problema do desemprego tamén lle atañe á Xunta. Para que temos unha Consellería de Traballo?
Si o Presidente da Xunta non acabou con el nos 45 días da promesa, ven podía eliminar a Consellería e cargar toda responsabilidade sobre Madrid, como xa fai.
As causas son outras e tanto o PSOE, coma o BNG, coma EU, deben ollar para dentro, ver os fallos que cometeron, ver si acertaron cos seus candidatos, ver si souberon chegar cos seus programas ó electorado, ver si os partidos necesitan unha rexeneración e sendo así retirar dos estantes os iogures caducados.
É dificil convencer cos medios de comunicación tradicionais controlados pola dereita, de acordo. Pero hoxe están as redes sociais
que ademais de ser gratis chegan a un sector proclive ás novas ideas, como é a mocedade, que se alonxa cara a abstención cando non se arrima ó sol que máis quenta na procura de alcanzar algunha farangulla da mesa do señor en forma de traballo.
Vendo a xestión de cada un dos gobernos municipais na lexislatura finalizada, non vexo que os gobernos do PP fixesen máis ou mellor xestión que os progresistas. Si me limito os dous concellos que mellor coñezo: A illa de Arousa e Vilanova, hai que recoñecer que o alcalde da  Arousa fixo unha xestión mellor que o alcalde de Vilanova. O alcalde de Vilanova subiu en votos o da Illa, baixou.
Non foi unicamente a xestión. Foron unha serie de fallos en cadea que propiciaron a “debacle” da esquerda, por encima de calquera outra comarca da provincia.
Hai unha política que practica moi ben o PP, que eu chamo a da "man polo lombo". Esa campechanía e proximidade calculada, da moitos máis votos nunha sociedade rural, come é a do Salnés, que a mellor xestión.
Os partidos progresistas deben aprender esta lección. Hai que facer xestión, pero tamén hai que saber vendela. 
De non ser así condenarannos a vivir na comarca máis reaccionaria de Galicia. Que non é pouco!


No hay comentarios: