jueves, 19 de mayo de 2011

A HORA DO SALNES, A HORA DOS ALCALDES

 O Salnés é unha comarca potencialmente rica, con grandes recursos que non están debidamente aproveitados.
O Salnés é o val máis fértil de Galicia, con un microclima único en Europa orixinado polo curso do río Umia que corre en dirección Norte-Sur, protexido dos fríos ventos do Noroeste e recibindo máis horas de sol que os demais vales galegos. Esta circunstancia orixina que se dean cultivos que non se dan no resto da comunidade e a posibilidade de poder cultivar con éxito novos produtos agrícolas de alta rendibilidade económica que hoxe se están importando de Suráfrica ou Nova Celandia, de lugares con climas semellantes o noso.
A riqueza paisaxística é aínda portentosa, o río, a súa vexetación, as pozas, as cascadas, o monte Lobeira, os miradoiros, as veigas e viñedos, as lameiras protexidas da desembocadura do Umia, enseada de O Grove e Carreirón (RAMSAR e ZOPA), as praias, os paseos marítimos coa perspectiva da ría de Arousa e as espectaculares posta de sol, as illas de Cortegada e Sálvora incluídas no único Parque Nacional co que conta Galicia e un longo etc.
O Salnés está aberto a ría máis grande e máis rica do mundo: con moitos recursos en pesca, marisqueo e cultivos mariños.
O Salnés conta con un patrimonio artístico monumental único e variado, igrexas e capelas románicas, mosteiros lendarios como o da Armenteira, o pé de cincuenta pazos, pontes e casas fidalgas. Un patrimonio ligado as artes ou as letras dos seus máis esgrevios representantes, Cabanillas, Camba, Valle-Inclán, Asorey ...
Todo este potencial, moi mal aproveitado, ten que ser un xerme xerador de postos de traballo.
En facer realidade este potencial teñen moito que ver os alcaldes e a propia Mancomunidade do Salnés. Na actual situación de desemprego non podemos votarlle a culpa unicamente ó arbitro (resida en Madrid ou en Santiago), os rexedores municipais teñen o deber de facer aflorar esa riqueza oculta, eses recurso que a natureza nos regalou.
É difícil comprender que na comarca a taxa de parados (conforme os dados requiridos do INEM) supere o 10 % da poboación activa, salvo os concellos de Sanxenxo (9%) e a Illa de Arousa (8%).
E de salientar o concello de Vilanova de Arousa, que sendo potencialmente o máis rico (dispón das terras máis fértiles, da riqueza paisaxística máis variada, de un polígono industrial, portos, esteiros, magníficas praias, de un amplo patrimonio monumental e cultural) sexa un dos dous Concellos co maior índice de paro da comarca.
Comentando estas estatísticas, pensamos en botarlle unha visual ós programas dos distintos aspirantes (non dicimos partidos, porque agás no lema de campaña, no demais, dentro do mesmo partido poden manter posturas encontradas) ós gobernos municipais da bisbarra, para ver que propostas nos ofrecen para a creación de emprego.
Encontrámonos con algunhas tan controvertidas como a de un alcalde en funcións que ofrece PROGRESO E TRABALLO, e como o “ábrete sésamo” de Alí Babá, fala de unha gran área comercial xestionada por unha multinacional, que nos mostrará os seus tesouros, sen contar que os
beneficios emigrarán e que mata máis postos de traballo que os que crea.
    Dos programas estudados chámanos a atención o que presenta o candidato do PSOE de Vilanova, Jorge María, que fai unha serie de propostas sinxelas e realizables, con un desenvolvemento sostible dos recursos do concello e que son exportables a todos os municipios da comarca, dentro de unha vontade de entendemento mutuo, entre os concellos afectados en cada proxecto e as partes implicadas na súa implantación.
  • Propón mellorar a rendibilidade dos montes mancomunados, dedicando zonas axeitadas a fruticultura ou viticultura e creando no monte Lobeira (Vilanova e Vilagarcía) un centro experimental de recuperación da fauna e da flora autóctona. Con un centro de interpretación para o seu estudio e como recurso turístico controlado.
  • Tamén trata de facer máis rendible a agricultura, creando cooperativas de produtores e unha lonxa e unha rede de distribución. Experimentar con novos cultivos de gran rendibilidade, que comezan a demandar os mercados e que actualmente se están importando de países lonxevos de climas semellante o noso.
  • Pretende convencer as Confrarías de pescadores para un mellor aproveitamento dos esteiros, lameiras e zonas infestadas, actuando sobre as mesmas e aumentando a produción marisqueira.
  • En materia turística, pretende fomentar o turismo ligado as actividades tradicionais, turismo agrícola ou pesqueiro, como complemento ós ingresos do sector primario e tamén como intercambio cultural entre as cada vez máis lonxevas formas de vida. Pero, non esquece que dispoñemos do mellor clima de Galicia, co maior número anual de horas de sol. Por iso ve posible convencer a propietarios dos terreos o capital privado e a propia administración, para a construción de un gran parque acuático, que mova ó turismo en todas as estacións do ano.
  • É a hora dos alcaldes. E a hora do Salnés.
  • Sabemos que cada candidato, sabe mellor que nós o que precisa o seu pobo. Pero non debemos esquecer, o que pasou cos Reinos de Taifas, que por tirar cada a un para si, perdéronse todos.
  • Sería unha postura prometedora que os candidatos que cheguen á alcaldía nas próximas eleccións,
  • fagan súas estas propostas, e outras que poidan ser de interese para o desenvolvemento da comarca, e que a Mancomunidade de Municipios do Salnés recobre protagonismo e deseñe políticas de progreso para poñelas en valor diante das distintas administracións.

Firmado:
Joaquín Javier Gago López (Ex Alcalde de Vilagarcía de Arousa)
Sito Vázquez (Ex Alcalde de Vilanova de Arousa e Fundador e Primeiro Presidente da Mancomunidade de Municipios do Salnés)

No hay comentarios: