viernes, 27 de abril de 2012

POÑENDO AS COUSAS NO SEU SITIO.


As prodixiosas mentes pensantes que xiren a economía mundial, capaces de converter a palla en ouro, non foron quen de prever as consecuencias que determinados produtos bancarios orixinarían no mercado até o punto de poñer en evidencia as vergoñas do actual sistema económico global.
Algúns economistas e analistas económicos xa tiñan advertido do perigo. Pero non eran relevantes. Eran marxinais, ignorados ou desprezados por os “gurús” da economía.
Nos EE.UU. onde se detectaron os primeiros casos de grandes entidades bancarias contaminadas con produtos tóxicos, o goberno do republicano Busch, optou por rescatar estes bancos con diñeiro público. Tiña outras dúas posibilidades, deixalos caer ou nacionalizalos. Dada a cor do goberno non cabía esperar outra solución.
Debido as promiscuas relacións que os bancos manteñen entre si, unha nova “peste” expandiuse por todo o sistema financeiro mundial.
Agora os incendiarios convértense en bombeiros e son os mesmos xenios que fabricaron a “sida” os que nos dan as receitas para curala.
(Todas estas receitas van con cargo a seguridade social dos traballadores, con copago incluído).

Aproveitando o impacto producido na sociedade por esta situación de grave inestabilidade económica, é o momento de poñer orde no sistema económico occidental, agravado por outras doenzas, como son a dislocación e a competencia dos mercados das economías emerxentes.
Este é o momento de poñer ás economías occidentais en situación de competir con China e compañía.
Estamos en un mercado global onde non existen diferencias no costo das materias primas, dos transportes, da tecnoloxía, etc. que determinan o prezo dos produtos manufacturados. O problema está fundamentalmente no mercado do traballo. Os traballadores en Europa son moi caros. A industria europea non pode competir coa dos países onde se explota os traballadores e os nenos.
¿Que facer?
Podemos barallar dúas saídas e inda unha terceira mixta.
A primeira, a ética, consistiría en non permitir nos países occidentais a importación de produtos fabricados en países nos que exploten ós menores ou non se garantiren uns salarios dignos e unhas coberturas sociais semellantes ás que temos en Europa. Esta opción, que debía ser a elixida por uns países que se gaban de defender os dereitos humanos, non se toma en consideración porque vai contra as sacrosantas leis do libre mercado.
A segunda, a do terror, consiste en aterrorizar ós traballadores hasta paralizalos para que acepten pasivos unhas condicións laborais semellantes as que hoxe teñen os traballadores dos países emerxentes.


 En esas estamos. Poñendo as cousas no seu sitio.

miércoles, 25 de abril de 2012

CAPITÁNS DE ABRIL




Aqueles caraveles vermellos que reventaron nas rúas alfacinhas o 25 de abril de 1974, fóronse murchando e mudando a súa cor, ate o punto de non ser recoñecibles. Primeiro cor de rosa, logo amarelos e agora mesmo azuis.
Os Capitáns de Abril, negáronse por primeira vez a asistir a Conmemoración de 38 aniversario da Revolución. Os presidentes Socialistas da  República, tamén.
O actual goberno quebrou o espitito da Revolución dos "cravos" . 


A crise e o goberno portugués mataron o que non foron capaces de sufocar os tanques da Dictadura salazarista de Caetano.




                                                Un momento do film "Capitáns de Abril".



CRAVOS VERMELHOS ENVERGONHADOS…
Rogério Martins Simões

Ainda há pouco eu era prisioneiro de opinião no meu próprio país;
Ainda ontem engrossava a multidão com cravos.
O tempo passou depressa e, na pressa, vai-se esquecendo que, para haver liberdade, muito foram os que lutaram e morreram.
Volto ao antes de ontem, adolescente, escrevendo poemas por metáforas com medo de ser preso.
Hoje, volto a pensar nos meus sonhos de abril;
Nas minhas mãos cheias de cravos: ilusões, e resquícios d´um odor a cravos vermelhos envergonhados...
Rogério Martins Simões


sábado, 14 de abril de 2012

AS PREFERENTES


AS PREFERENTES.

Hai uns anos en este mesmo blog escribín unha entrada co título de “Caixas ou pandeiros”. En el mofábame da disputa mediática (política) e do chauvinismo co que enredaban o palangre, cando en realidade só se estaba tratando de poder e de diñeiro. O que menos lle importaba a eses “señores” (con todo o respecto ós verdadeiros señores) era Galicia e aínda menos a maioría dos galegos.

Xúrovos que non teño ningún trato co demo pero dáme que pensar que sempre que auguro algo malo o tempo dáme a razón.
Velaí cen mil galegos que en un malabarista xogo de mans ven desaparecer os seus aforros de esas mans amigas e paisanas nas que todos confiabamos, as nosas Caixas.


Uns son xubilados, que precisan de uns euros para axudar ó seu fillo que perdeu o traballo, outros son xoves que estaban aforrando para unha casa e agora precisan o diñeiro para ir capeando o temporal e outros son traballadores que ven que todos os sacrificios da súa vida, os que lle garantían certa estabilidade no futuro se converten na súa maior preocupación.

Convencérannos de que os Bancos eran seguros e non o dubidábamos. Xa só os moi vellos falaban que se acordaban da creba do banco de Tal que lle collera os aforros dos avós de Fulana ou de Fulano. Batallas de vellos, pensábamos. Agora os bancos están controlados por os Bancos Centrais e pola CMV. Teñen a garantía do estado.
Que problema hai?

Problema non había ate hai uns vinte anos, pois os Bancos eran maioritariamente nacionais e movíanse dentro de seu territorio con un control estatal. A globalización fixo que os bancos máis importantes de cada pais se lanzaran a conquista do mundo. Fusións, anexións, “opas” e outras formas de integración fixeron que menos de cincuenta bancos administren máis da metade do diñeiro do mundo. Estes bancos teñen máis poder que os dos estados que os acollen. Estes bancos, e os seus lobbies premeron nos gobernos para que estes os liberaran de algúns controis que segundo eles freaban a súa expansión. Libres de trabas comezaron unha política coñecida como enxeñería financeira na que sacaron produtos ó mercado capaces de producir milagres, facendo crecer a riqueza de particulares, institucións e países ó marxe da súa produtividade nos sectores da economía tradicional. A idea que lograron transmitir ó cidadán era a de que para facerse rico había que especular co diñeiro. O traballo físico ou intelectual era cousa de apoucados ou de xente ancorada no pasado.

Chegados a este punto os bancos convértense no verdadeiro poder que domina o mundo. Vivimos en unhas democracias tuteladas por os banqueiros. Creceron tanto e téñennos collidos por salva as súas partes, que non hai maneira de vencelos. Espero que coma ós dinosauros sexa o seu tamaño o seu peor inimigo.

E das preferentes, que?.
A miña opinión é que si o Poder Xudicial inda está libre da tutela bancaria, ese pode ser un camiño para recuperar o diñeiro retido. En todo caso o camiño será longo.

Tamén cabe a posibilidade de politizar o asunto levándoa mobilización a extremos incómodos para o Goberno. Este pode ser o camiño máis curto.

- Aplicado ós bancos
 A VOSA SAÚDE!

(Se coñeces o chiste do pastor e o tren que lle matou as ovellas, recorda o dito: “Hai que matalos de pequenos”).

ANIVERSARIO


   Si a Segunda República fose unha muller hoxe estaría de aniversario. Exactamente hoxe 14 de abril de 2012 cumpriría 81 anos, dous anos menos do que a media de vida de calquera muller española contemporánea (da súa quinta).

   Non lle deron opción a contribuír a mellorar a lonxevidade das españolas, pois ós cinco anos comezaron a torturala e antes de cumprir os oito xa a tiñan enterrada, mesmo aqueles que lles importaba (impórtalles) máis a vida dos non natos que a de tantas criaturas que morreron, ou mellor dito, mataron.

   Hai moitas maneiras de matar. De fame, de vergoña, de contaxio, de sucidade, de falta de atención ou de cariño, de malos tratos...Estoume referindo a estas formas de aniquilar ó ser humano. Inda que non faltan casos de mulleres preñadas e de criaturas que foron asasinadas por esa caste de españois que non aceitan que os que non pensan coma eles teñan sequera dereito a vivir.
(En este intre venme a cabeza a imaxe de Miguel Hernández escribíndolle o seu fillo as nanas)

Que estas chuvias de abril que acabaron con tanta seca fagan brotar esa flor tricolor, para que as súas sementes igualdade, fraternidade e solidariedade aniñen con ilusión e alegría no corazón dos españois.  

miércoles, 2 de noviembre de 2011

CÓMPRANSE VONTADES

Dí a Biblia (Génesis capítulo 25) que Xacob fillo de Isaac, neto de Abraám, comproulle os dereitos da primoxenitura a seu irmán Esaú por un prato de lentellas, aproveitándose da ocasión de que este último regresaba de unha batida de caza famento.
Os dereitos de primoxenitura significaban que ía herdar o título de sacerdote do pai e os dous terzos dos seus bens, ademais de outros privilexios.
Xacob é o Patriarca fundador do pobo israelita, os seus doce fillos dan orixe as doce tribos do pobo de Israel.

Cando de rapaz tiña que estudar as sagradas escrituras non comprendía esa avaricia de Xacob e as miñas simpatías eran para Esaú, aínda que nas ilustracións aparecese feo e peludo en contraposición coa beleza feminina con que debuxaban nos libros da historia sagrada ó seu irmán.
O que menos comprendía era que o propio deus dos xudeus (xehová) premiase con tantas bendicións a un aproveitado e miserable Xacob.

O PRECIO DE UNHA CONCIENCIA.

O pai téñame en moita estima e anque a decisión non lle correspondía a el considerou oportuno tomar consello comigo.
_” Levo máis de oito días sen poder pegar ollo. Ti sabes como penso e que non son un trocabandeiras. Pero... os fillos son os fillos...”
_”Ben que o digas. - contestei por dicir algo ó ver que se atascaba – Fillos criados traballos dobrados.”
Custábame créelo pois todos os seus fillos eran moi sensatos comprometidos e intelixentes pero pensei para min que Melito, o fillo máis novo, que había dous anos que acabara a carreira e non encontraba traballo o engatasen na mafia da droga ou que mesmo caera no consumo de estupefacientes.
_”Os fillos doen e non sabes canto...Cando os ves camiño dos trinta sen traballo, sen posibilidades de formar unha familia éntrache unha angustia, unha pena que te afunde que che pesa coma unha pedra no peito...”.
_”Desafógate, que non vai ser por iso polo que leves unha semana sen durmir. Cal é o problema?
_” A muller xa me dixo que te deixase tranquilo, que era cousa da familia, pero o Milito insistiu en que quería saber a túa opinión.”
Estaba falando con unha persoa de trato moi directo, por o que me chocaban tantos rodeos.
_”Cando mo contou eu opúxenme rotundamente -proseguiu- pero pouco a pouco fun amolecendo e agora son eu quen máis o anima. E que non quero que o día de mañá poida pensar que lle cortei as asas antes de empezar a voar.”
_”Non alcanzo a saber de que me falas. Pero sexa do que sexa, o teu fillo ten unha formación e unha experiencia da vida que non tiñamos nin ti nin eu os seus anos.”
_”Pero tiñamos traballo!. Ese é o problema o traballo!... Ó rapaz ofrecéronlle un traballo na Deputación e non sabe que facer.”
_”Sen máis, coma quen che ofrece un café”- Díxenlle con certa sorpresa.
_” Viñeron pola casa para que fose nas listas das municipais e que si aceptaba lle daban un traballo. Non dan puntada sen fío.”
Diante do meu mutismo pediume opinión:
_”Ti que opinas?”.
_” Opino que diga o que diga vaise a resentir a nosa relación. Tiña razón a túa muller é un problema de familia.

O Milito era nacionalista, os pais eran socialistas e todos me tiñan en moita estima.
A crise tamén devala as consciencias.

O que menos comprendía era que o propio deus dos xudeus (xehová) premiase con tantas bendicións a un aproveitado e miserable Xacob.




O PLAN DE ORDENACION DO LITORAL

Hai arredor de medio ano, caeu nas miñas mans un borrador da Lei de Ordenación do Litoral (POL), que propoñía o Goberno da Xunta.

Era un documento, no meu parecer, máis restritivo que o que pretendía o goberno anterior. Supuxen que ese documento non era viable polas moitas críticas internas que recibiría por parte dos alcaldes do Partido Popular, que tanto e tan ben souberon vender as restricións do plan da ex-conselleira Caride.
Vendo (con sorpresa) que non había contestación, decidín estudar con máis vagar o documento é encontrei a clave de que os alcaldes do PP se enrolaran na procesión dos caladiños:
Unha disposición, creo que a cuarta,(estou escribindo de memoria) di que a Consellería de Ordenación do Territorio, resérvase a potestade de facer actuacións ou modificacións puntuais unha vez aprobada a Lei. Falando en prosa popular o conselleiro estalle dicindo ós alcaldes do seu partido que non se preocupen, que van poder permitir construír onde queiran pois chegado o caso eles teñen a "sartén polo mango".
As nosas costas son a maior riqueza de Galicia. O que se faga con elas ou en elas actualmente ou no futuro inmediato repercutirá en gran medida no futuro económico de Galicia.

viernes, 8 de julio de 2011

AS SETE CHAVES DO SEPÚLCRO, NON EVITAN O ROUBO DO "CODEX"

Meu bisavó tiña un irmán crego na parroquia de San Pedro de Muros. Contaba unha artimaña, que lle confesara o cura , que artellou un  párroco de unha aldea da Costa da Morte, para atraer ós feligreses que se distanciaran da doutrina cristiá, deixando de acudir ós oficios e de pagar a oblata:
Fixo desaparecer a imaxe do patrón que enterrou  no medio de un camiño, e deitou un ácido arredor. Cando no amencer pasou o primeiro carro de bois, os animais ó pisar o ácido recuaron. Non houbo maneira de facelos pasar. Cambiáronos por outra parella e tampouco tiveron éxito.
“Isto é cousa do demo”
Correuse o conto por toda a aldea e mesmo o crego presentouse co hisopo da auga bendita. Esparexeu unhas pingas que o caer no chan fumegaban.
“É un sinal do ceo”
Cavaron no camiño, apareceu o santo e os fieis volveron os oficios e o que era máis importante, pagaron a oblata.

Se alguén me dixese que roubaran a torre Eiffel, pareceríame un desatino. Non pola dificultade de metela no furgón no que sempre foxen os ladróns das películas, tamén porque non tiña futuro o roubo, pois non se podería negociar con ela. Quen compra algo único que é roubado e non o pode nin mostrar para presumir?.
O mesmo se pode dicir do Códice Calixtino, non se pode vender. Só algún onanista místico, que lle produce orgasmos a súa contemplación, pode ter interese en posúelo. Se este onanista non é un pirómano tolo, o códice, tarde ou cedo acabará por aparecer.
Pero tamén pode ser que se trate de unha operación de marqueting, é unha hipótese que non se pode descartar: Promocionar o Camiño e a cidade de Santiago, resucitar valores esquecidos da influencia da Igrexa na nosa cultura, promocionar un libro que está a punto de publicarse ou unha película que se pretende rodar sobre o tema.

Cando o milagre se produza os fieis correrán a pagar a oblata.

miércoles, 25 de mayo de 2011

CONCELLEIROS NAS FAUCES DOS LEÓNS.



Mandaron ós gladiadores a loitar na area do circo contra os esbirros do emperador. Poucos lograron saír vivos. Os poucos que o lograron agora están os pés dos leóns.

Estoume a referir, como ti, intelixente lector te imaxinas os concelleiros do BNG e do PSOE, que resistiron a forza da xurrada azul, e manteñen posibilidades de formar goberno de coalición, por sumar máis concelleiros que o PP. E o caso de Vigo e de Pontevedra, pero tamén o de moitos outros concellos de Galicia, pequenos concellos nos que todos se coñecen e nos que é fácil chantaxear ou comprar vontades.

Estoume a referir tamén ós secretarios xerais dos socialistas e dos nacionalistas (portavoz nacional), abocados a entenderse e a tratar de mandar mensaxes de entendemento ós progresistas galegos, que son máis dos que eles pensan, e que se manifestarían nas urnas se visen que por encima dos intereses da súa tribo, están os intereses xerais de Galicia.

Estes dous señores tiñan que presentarse na mesma noite electoral, unha vez coñecidos os resultados, diante da cidadanía galega mandando unha mensaxe de unidade, con unha vontade inequívoca de alcanzar un pacto para todos os concellos nos que tivesen posibilidade de gobernar.

A decisión de deixalo ó libre albedrío de cada agrupación, demostra unha falta de coñecemento da realidade galega, que os descualifica como máximos responsables, por non prever as consecuencias.

Pensan o señor Pachi Vázquez e o señor Guillerme Vázquez, que os concelleiros son uns heroes, capaces de enfrontarse as presións, ameazas, intimidacións e chantaxes que van a sufrir por parte dos que xa foron capaces de facer que se retirasen candidatos das listas electorais, cando non tiñan máis capacidade que a de atraer uns votos?

Un pacto cubriría as costas dos concelleiros electos, pois por encima tiñan unha cobertura que apuntalaba a súa postura: “son acordos do partido”.

Eu sei que o día 11 de Xuño, lamentarán non ter formulado este acordo.

Os concelleiros que resistan o embate e logren librarse das fauces do león, haberá que consideralos uns heroes.
Levantemos o polgar por eles.    


lunes, 23 de mayo de 2011

NO DÍA SEGUINTE: MAREA AZUL NO SALNÉS

As veces búscanse escusas ou xustificacións que non teñen fundamento real. 
Diante da enchente azul que desbordou as praias do Salnés, deixando a tremer edificios tan sólidos coma o concello da Illa de Arousa, os prexudicados tratan de explicarnos o porque da súa derrota.
Hai que renderse á evidencia, por poucos ou por moitos votos o PP gañou en todos os municipios do Salnés.
Aínda que en cada municipio hai que darlle distinta lectura.
No Grove e na Illa os partidos progresistas acadaron máis votos que os conservadores e están en condicións de poder gobernar, nos restantes concellos gobernará o PP.
Falando de xustificacións, escoitei esta mañá a un responsable comarcal do PSOE, dicir que o paro lle pasara factura. Pois non acabo de explicarme porque o paro lle pasou factura a el e non ó alcalde do Grove, que é o concello (con Vilanova) con máis paro. Tampouco lla pasou ó alcalde de Vigo, con bastante máis desemprego.
Ademais o problema do desemprego tamén lle atañe á Xunta. Para que temos unha Consellería de Traballo?
Si o Presidente da Xunta non acabou con el nos 45 días da promesa, ven podía eliminar a Consellería e cargar toda responsabilidade sobre Madrid, como xa fai.
As causas son outras e tanto o PSOE, coma o BNG, coma EU, deben ollar para dentro, ver os fallos que cometeron, ver si acertaron cos seus candidatos, ver si souberon chegar cos seus programas ó electorado, ver si os partidos necesitan unha rexeneración e sendo así retirar dos estantes os iogures caducados.
É dificil convencer cos medios de comunicación tradicionais controlados pola dereita, de acordo. Pero hoxe están as redes sociais
que ademais de ser gratis chegan a un sector proclive ás novas ideas, como é a mocedade, que se alonxa cara a abstención cando non se arrima ó sol que máis quenta na procura de alcanzar algunha farangulla da mesa do señor en forma de traballo.
Vendo a xestión de cada un dos gobernos municipais na lexislatura finalizada, non vexo que os gobernos do PP fixesen máis ou mellor xestión que os progresistas. Si me limito os dous concellos que mellor coñezo: A illa de Arousa e Vilanova, hai que recoñecer que o alcalde da  Arousa fixo unha xestión mellor que o alcalde de Vilanova. O alcalde de Vilanova subiu en votos o da Illa, baixou.
Non foi unicamente a xestión. Foron unha serie de fallos en cadea que propiciaron a “debacle” da esquerda, por encima de calquera outra comarca da provincia.
Hai unha política que practica moi ben o PP, que eu chamo a da "man polo lombo". Esa campechanía e proximidade calculada, da moitos máis votos nunha sociedade rural, come é a do Salnés, que a mellor xestión.
Os partidos progresistas deben aprender esta lección. Hai que facer xestión, pero tamén hai que saber vendela. 
De non ser así condenarannos a vivir na comarca máis reaccionaria de Galicia. Que non é pouco!


jueves, 19 de mayo de 2011

A HORA DO SALNES, A HORA DOS ALCALDES

 O Salnés é unha comarca potencialmente rica, con grandes recursos que non están debidamente aproveitados.
O Salnés é o val máis fértil de Galicia, con un microclima único en Europa orixinado polo curso do río Umia que corre en dirección Norte-Sur, protexido dos fríos ventos do Noroeste e recibindo máis horas de sol que os demais vales galegos. Esta circunstancia orixina que se dean cultivos que non se dan no resto da comunidade e a posibilidade de poder cultivar con éxito novos produtos agrícolas de alta rendibilidade económica que hoxe se están importando de Suráfrica ou Nova Celandia, de lugares con climas semellantes o noso.
A riqueza paisaxística é aínda portentosa, o río, a súa vexetación, as pozas, as cascadas, o monte Lobeira, os miradoiros, as veigas e viñedos, as lameiras protexidas da desembocadura do Umia, enseada de O Grove e Carreirón (RAMSAR e ZOPA), as praias, os paseos marítimos coa perspectiva da ría de Arousa e as espectaculares posta de sol, as illas de Cortegada e Sálvora incluídas no único Parque Nacional co que conta Galicia e un longo etc.
O Salnés está aberto a ría máis grande e máis rica do mundo: con moitos recursos en pesca, marisqueo e cultivos mariños.
O Salnés conta con un patrimonio artístico monumental único e variado, igrexas e capelas románicas, mosteiros lendarios como o da Armenteira, o pé de cincuenta pazos, pontes e casas fidalgas. Un patrimonio ligado as artes ou as letras dos seus máis esgrevios representantes, Cabanillas, Camba, Valle-Inclán, Asorey ...
Todo este potencial, moi mal aproveitado, ten que ser un xerme xerador de postos de traballo.
En facer realidade este potencial teñen moito que ver os alcaldes e a propia Mancomunidade do Salnés. Na actual situación de desemprego non podemos votarlle a culpa unicamente ó arbitro (resida en Madrid ou en Santiago), os rexedores municipais teñen o deber de facer aflorar esa riqueza oculta, eses recurso que a natureza nos regalou.
É difícil comprender que na comarca a taxa de parados (conforme os dados requiridos do INEM) supere o 10 % da poboación activa, salvo os concellos de Sanxenxo (9%) e a Illa de Arousa (8%).
E de salientar o concello de Vilanova de Arousa, que sendo potencialmente o máis rico (dispón das terras máis fértiles, da riqueza paisaxística máis variada, de un polígono industrial, portos, esteiros, magníficas praias, de un amplo patrimonio monumental e cultural) sexa un dos dous Concellos co maior índice de paro da comarca.
Comentando estas estatísticas, pensamos en botarlle unha visual ós programas dos distintos aspirantes (non dicimos partidos, porque agás no lema de campaña, no demais, dentro do mesmo partido poden manter posturas encontradas) ós gobernos municipais da bisbarra, para ver que propostas nos ofrecen para a creación de emprego.
Encontrámonos con algunhas tan controvertidas como a de un alcalde en funcións que ofrece PROGRESO E TRABALLO, e como o “ábrete sésamo” de Alí Babá, fala de unha gran área comercial xestionada por unha multinacional, que nos mostrará os seus tesouros, sen contar que os
beneficios emigrarán e que mata máis postos de traballo que os que crea.
    Dos programas estudados chámanos a atención o que presenta o candidato do PSOE de Vilanova, Jorge María, que fai unha serie de propostas sinxelas e realizables, con un desenvolvemento sostible dos recursos do concello e que son exportables a todos os municipios da comarca, dentro de unha vontade de entendemento mutuo, entre os concellos afectados en cada proxecto e as partes implicadas na súa implantación.
  • Propón mellorar a rendibilidade dos montes mancomunados, dedicando zonas axeitadas a fruticultura ou viticultura e creando no monte Lobeira (Vilanova e Vilagarcía) un centro experimental de recuperación da fauna e da flora autóctona. Con un centro de interpretación para o seu estudio e como recurso turístico controlado.
  • Tamén trata de facer máis rendible a agricultura, creando cooperativas de produtores e unha lonxa e unha rede de distribución. Experimentar con novos cultivos de gran rendibilidade, que comezan a demandar os mercados e que actualmente se están importando de países lonxevos de climas semellante o noso.
  • Pretende convencer as Confrarías de pescadores para un mellor aproveitamento dos esteiros, lameiras e zonas infestadas, actuando sobre as mesmas e aumentando a produción marisqueira.
  • En materia turística, pretende fomentar o turismo ligado as actividades tradicionais, turismo agrícola ou pesqueiro, como complemento ós ingresos do sector primario e tamén como intercambio cultural entre as cada vez máis lonxevas formas de vida. Pero, non esquece que dispoñemos do mellor clima de Galicia, co maior número anual de horas de sol. Por iso ve posible convencer a propietarios dos terreos o capital privado e a propia administración, para a construción de un gran parque acuático, que mova ó turismo en todas as estacións do ano.
  • É a hora dos alcaldes. E a hora do Salnés.
  • Sabemos que cada candidato, sabe mellor que nós o que precisa o seu pobo. Pero non debemos esquecer, o que pasou cos Reinos de Taifas, que por tirar cada a un para si, perdéronse todos.
  • Sería unha postura prometedora que os candidatos que cheguen á alcaldía nas próximas eleccións,
  • fagan súas estas propostas, e outras que poidan ser de interese para o desenvolvemento da comarca, e que a Mancomunidade de Municipios do Salnés recobre protagonismo e deseñe políticas de progreso para poñelas en valor diante das distintas administracións.

Firmado:
Joaquín Javier Gago López (Ex Alcalde de Vilagarcía de Arousa)
Sito Vázquez (Ex Alcalde de Vilanova de Arousa e Fundador e Primeiro Presidente da Mancomunidade de Municipios do Salnés)